O BNG vai presentarse o 5A cunhas candidaturas de “excelencia” que están en pleno proceso de elaboración desde a base e que serán aprobadas definitivamente o 29 de febreiro polo Consello Nacional como máximo órgano entre asembleas.
A portavoz nacional e candidata, Ana Pontón, avanzou que o obxectivo é incorporar “os mellores e as melloras” nunhas listas que volverán sumar a persoas de todos os sectores, representativas da realidade do país, na que as mulleres terán un gran protagonismo, -en coherencia co radical compromiso do BNG coa igualdade-, e nas que a mocidade tamén xogará un papel importante, “pois a Galiza do futuro constrúese da man da xente nova”.
Cos tempos acelerados tras o adianto electoral, a formación nacionalista ultima o seu programa electoral, -coordinado pola viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e polo deputado Luís Bará,- que explicará a través dunha campaña de proximidade, “na que podamos falar cara a cara, na que pisaremos moita rúa e petaremos en todas as portas para pedir o apoio ao proxecto de país, sólido e solvente, capaz de mellorar a vida das persoas que ten o BNG”.
“En definitiva: imos presentarnos ante os galegos e as galegas cos mellores candidatos e candidatas, co mellor programa electoral e coas mans libres para defender unha Galiza máis xusta, con benestar social, orgullosa e na que poder vivir e traballar”, sintetizou Pontón.
A líder nacionalista aproveitou a comparecencia para defender unha campaña en positivo e libre de mentiras e, nese sentido, envía unha mensaxe para o candidato popular.
“Advertímoslle ao PP e ao seu candidato Feixóo que non imos deixar pasar por alto ningunha das súa mentiras, non imos permitir que siga instalado na propaganda e no engano. É unha burda mentira a súa declaración de independencia con Madrid tras dez anos de ser o presidente da submisión, do servilismo, do si bwana, primeiro a Raxoi e agora a Casado, dez anos exercendo de dilixente recadeiro, traizoando a Galiza e permitindo todas e cada unha das discriminación e dos agravios a este país”, criticou.
“Que non intente agora esconder dez anos de submisión porque non cola e as urnas van falar claro”, subliñou Pontón, tras poñer exemplos de discriminación con Galiza nos que Feixóo foi cómplice necesario.
Como os 200 M€ de débeda en dependencia, o veto sistemático á transferencia da AP9, os retrasos no AVE, o recortazo nos investimentos, o espolio enerxético ou un sistema de financiamento co que o Estado fai caixa en detrimento do país. “E en todos os casos Feixóo calado e non hai campaña publicitaria que lave esa década de traizón ao país”, denunciou.
Por contra, “a única garantía de ter un goberno coas mans libres é unha Presidencia liderada polo BNG, porque somos os únicos que non temos máis obediencia que a de Galiza e non temos que pedirlle permiso a ninguén para defender os intereses dos galegos e das galegas”. “Este cinco de abril vai ser o ano do cambio en clave galega da man dun BNG que é a garantía de políticas transformadoras”, concluíu.