A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou na Coruña que o BNG vai levar ao Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar que o Estado asuma integramente o financiamento do Porto exterior e que os terreos que hoxe ocupan o peirao de San Diego sexan cedidos ao concello da Coruña.
A dirixente do Bloque fixo estas declaracións tras un almorzo informativo no Club Financeiro Atlántico (CFA), onde mantivo un encontro cunha nutrida representación do sector empresarial coruñés, e despois de que a pasada semana o presidente da Xunta bendicise a intención do Estado de sufragar o porto exterior coa venda dos terreos de San Diego e do Hotel Finisterre.
“O porto exterior da Coruña ten que ser financiado polo Estado como se fixo no caso de Xixón, e os terreos que agora ocupan instalacións portuarias deben quedar a salvo da especulación e ser cedidos ao concello da Coruña para beneficio de toda a cidade, como se fixo en Valencia e en Barcelona. O BNG vai levar este tema ao Parlamento para esixir que non se vendan estes terreos, senón que queden como patrimonio público de todos os coruñeses e coruñesas e que sexa a cidadanía quen decida sobre o seu uso futuro”, indicou Pontón.
O obxectivo da formación nacionalista é acadar un posicionamento unánime do Parlamento para que os terreos de San Diego xunto cos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo pasen ao concello, o mesmo que os terreos da Solana e do Hotel Finisterre, e que o porto exterior se conclúa con cargo a financiamento estatal. “Do contrario, sería unha nova discriminación do Estado con Galiza e co Coruña”, indicou Pontón.
No encontro co sector empresarial no Club Financeiro Atlántico da Coruña, -no que tamén participou a portavoz municipal, Avia Veira-, Pontón aproveitou para presentar o documento Bases Democráticas, proposta do BNG para iniciar un debate político e social para evitar que Galiza quede atrás nun momento decisivo que vai mudar o actual marco institucional.
A portavoz nacional expuxo ao sector empresarial coruñés as vantaxes do autogoberno nas cuestións relevantes de país: Sistema financeiro, capacidade fiscal, concerto económico, infraestruturas como a AP9 e os aeroportos, sector enerxético, ou a política forestal. “Ter e exercer o autogoberno implicaría ter as ferramentas para mellorar as condicións de vida dos e das galegas”, sintetizou.
A proposta do Bloque expresada nas Bases Democráticas pretende ser un punto de partida para o debate entre as forzas políticas, axentes económicos, sociais e culturais para evitar que Galiza perda posicións, “dando un paso adiante desde o recoñecemento de Galiza como nación” nun momento en que vai haber cambios a nivel de Estado.
Pontón agradeceu o convite ao presidente da entidade, Mariano Gómez-Ulla, que lle permitiu un debate “intenso e frutífero” cunha ampla representación do empresariado da Coruña, a oportunidade de transmitir as propostas do BNG e de escoitar as súas valoracións.