A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón instou a Xunta a impulsar unha estratexia pola innovación cunha Unidade pública de I+D+i coordinada co sector do moble co fin de promover proxectos de optimización da produción apostando pola investigación, novos modelos, materiais e acabados e deseños de vangarda.
Pontón visitou a Feira do Moble que se celebra en A Estrada onde reclamou da Xunta a posta en marcha da Cidade do Moble. A portavoz nacional do BNG lembrou que no período no que o BNG tivo responsabilidades de goberno impulsou o proxecto da Cidade do Moble, proxecto que o Partido popular pechou nos caixóns de San Caetano. As empresas e sector do moble precisan que a Cidade do Moble se active para dimensionar os diferentes ámbitos pero esta iniciativa debe ir acompañada “dunha mellora nas comunicacións”. Para a portavoz do BNG “a variante da Estrada é unha urxencia” para un sector que precisa de boas comunicacións co fin de facilitar unha “saída á produción”.
Acompañada dos responsables locais e comarcais e polo portavoz municipal do BNG da Estrada, Xosé Magariños, a portavoz nacionalista reiterou o apoio do BNG ao sector do moble e a feira da que dixo, “é o escaparate da grande potencialidade e capacidade deste sector que conta, despois de tantos anos, cunha grande proxección na Estrada pero tamén en toda Galiza”. Neste sentido, reiterou a necesidade dunha aposta real pola innovación para situar o sector en novas tendencias como a modalidade de “Contratc cun novo perfil de clientes e unha nova forma de abordar o negocio”.
Madeiras de calidade
Pontón explicou que na actualidade as empresas buscan “un servizo integral e adaptado” e na Estrada existen moitos exemplos de como o sector busca colocarse “na modernidade” pero tamén temos debilidades como “a escasa madeira de calidade producida en Galiza” que nos obriga a importar a maior parte para a produción propia xa que “só o 8% da madeira galega cortada é aproveitada para a transformación”. Para a portavoz do BNG, esta circunstancia incide negativamente na creación de emprego e no valor engadido e anunciou que o BNG proporá á Xunta unha aposta estratéxica polas madeiras de calidade como o castiñeiro, carballo, cerdeiras e todas aquelas que se utilizan para a produción de mobles. A Xunta, dixo, debe ofrecer “un maior apoio ao sector” e implicarse coa innovación para mellorar a súa produtividade. Para isto, recalcou, é necesaria unha sinerxía entre “a administración pública e tecido empresarial para conseguir que Galiza ocupe un importante lugar na vangarda da produción de mobles de calidade”.