A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, aproveitou a disolución do Parlamento para facer balance da lexislatura, convencida de que é posible deixar atrás catorce anos de “retroceso” do PP.
“Hai unha maioría que quere cambio e temos que convencer a esa maioría de que é posible se hai unha gran participación e se esas ganas se expresan nas urnas concentrando o voto do cambio no BNG”, destacou, subliñando que o Bloque ten proxecto e está preparado para gobernar. “Imos coller da man a esa maioría que que quere cambio, porque se todos e todas as que queremos ese cambio estamos nas urnas, imos gañar un futuro mellor”, recalcou.
Pontón destacou que as do 18F son as eleccións galegas máis abertas dos últimos anos, a oportunidade de “facer historia” coa primeira presidenta liderando un goberno coas mans libres para defender os intereses de Galiza sen a submisión centralista das forzas estatais que, alertou, van traer aquí as súas liortas madrileñas.
“Fronte ao seu empeño en poñer o foco en Madrid, os galegos e as galegas van responder nas urnas apostando por unha forza como o BNG, apostando polo noso, imos ofrecerlle á cidadanía unha campaña de propostas para poñer en marcha a mellor Galiza”, argumentou, deixando claro que non vai permitir que se desvíe o foco.
“O PP sabe que o presenta un balance nefasto e para ocultalo quere desviar o foco sobre a súa xestión pero non llo imos permitir porque é unha falta de respecto que se pretenda que non se fale de Galiza nunhas eleccións nas que nos estamos xogando a sanidade, a educación, o tranquilidade das persoas maiores, o emprego, o modelo territorial, a lingua, en definitiva, cando nos estamos xogando o futuro”, explicou.
Na comparecencia co grupo parlamentario, Pontón sintetizou en catorce datos a Galiza peor que deixa o PP tras catorce anos de goberno, “que desmontan a propaganda” do Executivo de Rueda. 1º dato: 635.000 galegos e galegas en situación de pobreza, 2º, 200.000 mozos e mozas emigradas; 3º, 51.200 empregos destruídos na industria, mar e agro, 4º, 22.500 autónomxs menos; 5º, 4.127 empresas pechadas.
Como 6º dato, 2.193 M€ de recorte en Atención Primaria; 7º, 375.000 persoas esperando unha operación, proba ou consulta en especialistas; 8º, 9.080 persoas esperando unha primeira consulta de saúde mental; 9º dato, cero prazas de residencias públicas, 10º, 159 centros educativos pechados; 11º, 105.625 galegas e galegos menos en plena crise demográfica.
Pontón concluíu a enumeración con tres datos máis: 12º, 14.239M€ débeda, o triplo que en 2009; 13º, 1,10% do PIB en I+D+i, a metade da media Europa e 14º, 22 vivendas públicas construídas entre 2015-2022.
“O Goberno do PP fíxonos retroceder e ademais demostrou ser incapaz de defender os intereses de Galiza ante o Estado, nin un só proxecto estratéxico dos fondos europeos Next Generation e presenta o peor balanzo en materia de autogoberno: cero novas competencias”, explicou Pontón, quen tamén puxo o foco na democracia de baixa calidade, cunha utilización obscena dos medios públicos a e o menosprezo ao Parlamento.
Tamén deixan unha Galiza máis pequena en medio ambiente, ca rexeneración das rías pendente, sen un metro cadrado máis de rede natura e co monte sen ordenar ao pairo dos lumes.
Deixar atrás o retroceso
O retroceso tamén afecta ao galego, convertido nun idioma de segunda no ensino, a única de todo o Estado que perde falantes. “Rueda empezou colocándose en primeira fila naquela indigna manifestación en contra do galego e terminou votando no Parlamento en contra de que o galego se use no Congreso”, sintetizou a candidata do Bloque.
Esa Galiza en pequeno que deixa o PP, indicou, “é a que queremos cambiar a partir do 18F liderando o goberno cun proxecto a favor da maioría social, ambicioso, sen ataduras, pensado desde Galiza e para os galegos e galegas”. Un goberno que fortaleza os servizos públicos, que defenda unha vellez tranquila, capaz de transformar a economía para producir máis e de maneira sustentable.
Traballo extraordinario do grupo parlamentario
Un goberno para colocarnos á vangarda científica, que afronte o reto da emerxencia climática e poña en marcha un novo modelo enerxético á favor do País. Que aposte polo autogoberno político e financeiro, porque supón ter máis ferramentas para mellorar a vida das persoas; que teña como prioridade facilitar o acceso á vivenda, un goberno feminista, que traballe para conseguir un País máis inclusivo e igualitario, orgulloso da súa lingua e cultura.
“Quero ser a presidenta desa Galiza posible, que queremos e merecemos e temos a oportunidade de conseguila o 18F man a man con todas as persoas que queren cambio”, concluíu Pontón, tras poñer en valor o “extraordinario” traballo e a “entrega” de todos os deputados e deputadas que formaron o grupo parlamentario nesta Lexislatura a favor do País.