Ana Pontón anuncia unha ofensiva parlamentaria do BNG para conseguir unha baixada do 15% na factura da luz

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón: “Feixóo ten que decidir se se pon do lado dos e das galegas ou do monopolio das grandes eléctricas e das portas xiratorias”

Pide ao PP que escoite ás pensionistas e negocie co persoal de Xustiza

O BNG “anuncia unha ofensiva parlamentaria” para conseguir que Galiza se beneficie de ser produtora neta de enerxía e se acabe co disparate de que, pese a ser unha potencia eléctrica, lonxe de obter beneficio pague un alto prezo en termos de medio ambiente.

Para iso, a formación nacionalista presenta unha proposición de lei no vindeiro pleno para reclamar unha tarifa eléctrica galega que suporía un desconto do 15% na factura da luz, de tal xeito que nun recibo de 150 euros implicará un aforro de 22,7€ “nas afogadas economías familiares, tanto pola caída dos salarios como polo incremento dos servizos básicos”, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón.

En concreto, no caso da electricidade, a factura aumentou un 87% na última década, mentres os salarios e as pensións perderon poder adquisitivo. Para colmo, e pese a que xa pagamos unha das facturas máis caras de Europa, esta podería subir porque o Goberno central quere repercutir o imposto de contaminación na persoa consumidora, rachando co principio de quen contamina paga, “resulta que a contaminación das eléctricas temos que pagala entre todas”, denunciou a deputada.

Nun país que produce electricidade a esgalla, “450.000 persoas non poden prender a calefacción e 73.000 fogares teñen dificultades para pagar a factura da luz, a cifra máis alta desde 2013 indicativo de que a tan publicitada recuperación non está  chegando ás familias”, indicou a dirixente nacionalista, “mentres o PP se limita a medidas cosméticas como o tiquet eléctrico que este ano aínda no se puxo en marcha, non houbo axudas”.

No próximo Pleno, avanzou Pontón, o presidente da Xunta ten que decidir de que lado está. “Feixóo ten que optar entre poñerse do lado dos e das galegas, do lado de ter unha factura da luz máis baixa, ou do lado do oligopolio eléctrico e das portas xiratorias, que usaron tanto o PP como o PSOE”, recalcou Pontón, lembrando a longa lista responsables de ambos partidos que remataron nos consellos de administración de grandes empresas tras o seu paso polo Goberno do Estado.

A dirixente do Bloque lembroulle ao PP que, a diferencia do que pregoa, en Europa si existen tarifas eléctricas diferenciadas en países como Inglaterra, Alemaña ou Suíza, en función do custe da rede en cada territorio. A proposición de lei tamén inclúe unha nova regulación do autoconsumo para que sexa viable e plans de eficiencia enerxética e de aposta polas renovábeis.

Pensións e Xustiza

Pontón tamén se referiu as últimas mobilizacións protagonizadas polas persoas pensionistas ao longo de toda Galiza, para esixirlle ao Goberno “que tome nota porque non van tirar a toalla”  no seu empeño en mellorar as súas prestacións de xubilación e a recuperación do poder adquisitivo. “Teñen dereito a unha pensión digna e deben ser escoitados polo PP porque non van quedar calados nas súas casas mentres lles rouban”, subliñou.

A portavoz do Bloque fixo igualmente mención a folga dos e das traballadoras de Xustiza desde fai máis de dous meses, “mentres Feixóo segue atrincheirado na súa posición de encastelamento negándose a negociar e paralizando a Xustiza, co que iso implica para milleiros de persoas neste país”. Pontón pide ao presidente da Xunta “que saia do seu castelo e pise a rúa porque leva 20 días sen querer negociar, mostra de que a xente lle importa un pito”, criticou.

O Bloque reclama ao xefe do Executivo “que dea a cara e deixe de agocharse detrás de Rueda que ten demostrado a súa insolvencia para dar unha saída negociada as lexitimas demandas dos e das funcionarias de Xustiza. Que se sente, negocie e busque unha solución”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG