BNG considera que Xunta e Concello deben facer fronte común para que o Estado condone a débeda de 200 M€ do Porto da Coruña, -como fixo co Porto de Valencia-, pero lonxe de esixir un trato xusto para Galiza, a resposta de PP e PSOE e gastar 20M€ para comprar uns terreos, -os que ocupan as dársenas de Calvo Sotelo e Batería-, que xa son públicos e propiedade lexítima da cidade.
Ante unha decisión que supón admitir unha discriminación coa cidade e co País, a portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou hoxe na Coruña que o BNG vai poñer un marcha unha ofensiva institucional para reclamar a condonación da débeda co iniciativas no Concello, no Parlamento e no Congreso.
“Non ten ningún sentido pagar con diñeiro público polo que xa é público porque eses terreos foron gañados ao mar para usos portuarios e, unha vez liberados deses usos, o que procede é a súa devolución sen cargas o seu lexítimo propietario que é a cidade da Coruña”, indicou a líder do Bloque nunha comparecencia co portavoz municipal, Francisco Jorquera.
Pontón pregúntase onde está o presidente da Xunta e por que, lonxe de defender a condonación, permite unha nova discriminación do Estado “nun asunto clave para a cidade pero tamén para o País”, criticou, ademais de subliñar que un convenio de 2004 “non pode condicionar” en 2021 a gran transformación urbana que lle queda A Coruña, para cuxo deseño o Bloque propón a creación dun consorcio ou ente público.
A nacionalista pediu a Xunta e Concello que deixen o seu “pim pam pum” que só busca branquear un agravio e “despistar” á cidadanía ante o feito de que ambos renuncian a defender o que é xusto: que A Coruña reciba o mesmo trato que Valencia.
“A condonación da débeda tense que defender con enerxía e non coa boca pequena como fan PP e PSOE actuando en dirección contraria ao que votan en pleno. Porque se Valencia conseguiu a condonación é porque a Generalitat exerceu presión política real, non se limitou a facer declaracións aos medios”, alegou, presión que non exerce PP nin PSOE nin desde a Xunta nin desde o Goberno local.
“O nove de setembro todos os grupos nos manifestamos en pleno municipal a favor da condonación, pero o que vemos agora é como a Xunta e Goberno local ultiman unha opción de compra ofrecendo unha cantidade de diñeiro que, ademais, supera amplamente o prezo de taxación publicado no BOE. PP e PSOE din unha cousa e a contraria, e un portavoz do goberno municipal alegou que queren a condonación pero que non lles parece realista. É evidente que a derrota é segura cando xa se da por perdido o partido”, indico graficamente Francisco Jorquera.
Ante esta situación, o BNG vai continuar a defender en todos os ámbitos institucionais que o Goberno central asuma a débeda porque corresponde a unha obra decida en Consello de Ministros, “en teoría como compensación polo Prestige”, lembrou Pontón. Pero, a día de hoxe, o Estado fai caixa a costa dos coruñeses e das coruñesas que xa levan pagados 39,5 M€ só en intereses, “4 M€ cada ano se que a débeda se reducira o máis mínimo”, denuncia.
“No BNG mantemos intactas as nosas demandas a favor da Coruña que imos defender no Concello, no Parlamento e no Congreso”, recalcou Pontón, con tres propostas concretas.
Primeiro, “condonación dos 200 M€ porque A Coruña non pode ser menos que Valencia, Bilbao ou Xixón, onde o Estado fixo investimentos millonarios nos portos e que se deixen de escusas porque se hai vontade política hai fórmulas. Segundo, licitar dunha vez por toda as obras do enlace por tren co porto exterior de Punta Langosteria, “que xa parece un novo Escorial con tantos atrasos”, ironizou.
E como terceiro punto, “evitar a tomadura de pelo de gastar 20 M€ en comprar uns terreos que xa son da cidade e veciñanza merece que se destinen eses recursos a investimentos que se precisen na propia urbe”, concluíu.