Xerais 2023

Ana Pontón anima á cidadanía a participar activamente porque está "en xogo o peso político de Galiza, os dereitos e o noso presente e futuro"

Ana Pontón
Ana Pontón

Salienta a relevancia da  xornada electoral que "marcará as decisións dos próximos anos"

Néstor Rego fai un apelo aos galegos e galegas a participar para decidir que país queremos para o futuro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anima a todos os galegos e galegas a participar activamente nesta xornada electoral e salienta a relevancia do día porque "marcará as decisións dos próximos anos". Este domingo, afirmou, "xogámonos o peso político que vai ter Galiza, os dereitos e o noso presente e futuro".

Tras emitir o voto no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), acompañada polo cabeza de lista pola provincia da Coruña, Néstor Rego e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, a líder do BNG insistiu na importancia de que a cidadanía "vote e se exprese nas urnas" e utilice o seu dereito ao voto para dar a súa opinión de cara onde quere camiñar e que sociedade queremos construír no futuro.

Pontón pide aos galegos e galegas que "voten con ilusión, alegría e convicción" e pensando no mellor para Galiza e para "defender os dereitos e  liberdades" e estar presentes nas urnas  pensando que cada unha das voces é importante.

A portavoz nacionalista quixo agradecer o traballo que realizarán, ao longo do día, todas as persoas que están nas mesas electorais e o operativo que desenvolve un labor fundamental nesta xornada electoral.

Néstor Rego fai un apelo a todos os galegos e galegas a participar para decidir que país queremos para o futuro

Tras depositar o seu voto na parroquia de Figueiras, acompañado da portavoz nacional do BNG, o candidato pola provincia da Coruña, Néstor Rego subliñou que hoxe é un día importante para Galiza e para todos os galegos e galegas porque imos decidir "que país queremos para o futuro".

Rego remarcou que nestas eleccións "hai moito en xogo"  con decisións que afectarán a nosa vida e tamén "ao noso pobo" de aí, a importancia de participar para decidir e pediu non  desaproveitar esta ocasión.

O candidato nacionalista fixo un apelo a que os galegos e galegas "busquen un momento para ir votar" porque este é o noso dereito pero tamén "unha responsabilidade coa sociedade e o noso pobo".

Si todo o mundo participa, "todos e todas contribuiremos a construír un futuro mellor para o noso país" .

A alcaldesa de  Santiago afirma que hoxe imos marcar o futuro de Compostela e de Galiza

Pola súa parte, a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín tamén incidiu en que "Santiago xógase moito nestas eleccións" porque imos marcar, dixo, o "o futuro de Compostela e de toda Galiza".

Ao igual que fixeran a líder do BNG, Ana Pontón e o cabeza de lista pola provincia da Coruña, Néstor Rego, Sanmartín fixo un chamamento á participación a exercer o dereito do voto da veciñanza de Compostela e de toda Galiza.

A rexedora de Compostela tamén tivo unha lembranza para ese gran número de persoas que hoxe farán posible que a cidadanía galega poida exercer o seu dereito ao voto  nas mesas electorais.

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG