Ana Pontón advirte de que os Orzamentos da Xunta serán menos expansivos e traerán un menor crecemento económico

mazaricos
Mini, Ana Pontón e Xoán Blanco (alcalde) na Semana Gandeira de Mazaricos
  • “Se o teito de gasto aumentou en 423 millóns o pasado ano e o fará en 190 en 2017, como se pode presumir Feijóo de que son expansivos?”, interpelaba a portavoz nacional
  • Visitou a Semana gandeira de Mazaricos onde lembrou a Feijóo o compromiso de facer desta “a lexislatura do rural”

A portavoz nacional, Ana Pontón, advirte que o teito de gasto anunciado polo Goberno para 2017 dará como resultado unhas contas públicas aínda menos expansivas que as aprobadas para o presente exercicio, cuxo incremento foi do 5,2% fronte ao 2,1% previsto para o vindeiro ano, e iso pese a proclamada saída da crise por parte do Goberno galego.

“Máis aló do anuncio publicitario, as cifras que se anunciaron din que Galiza terá un orzamento menos expansivo que o actual. En 2016 os presupostos medraron en 437 millóns de euros, mentres que para 2017 anunciase unha subida de 190 millóns de euros. Con este dato, como pode presumir o señor Feijóo de ter un orzamento expansivo?”, interpelaba a dirixente do BNG.

Ademais, salienta que o crecemento económico previsto para 2017 polo Executivo galego cae ata o 2,4% desde o 3,1% anunciado para este exercicio.

Pontón asegura que os datos difundidos pola Xunta fan prever unhas contas públicas “insuficientes para recuperar os servizos públicos privatizados e para financiar políticas de benestar social como as derivadas da lei de dependencia, ou para contar con recursos suficientes para promover políticas activas de emprego”, alegou,

Por exemplo, o BNG xa anunciou que reclamará o 1% do orzamento para financiar un Plan Retorna que facilite a volta da xente moza emigrada, en particular dos investigadores e investigadoras. Salienta tamén que, pese ao anunciado incremento, o teito de gasto para 2017 segue por debaixo dos niveis anteriores á crise “o que demostra a insuficiencia do actual modelo de financiamento para Galiza”.

Pontón fixo estas declaracións ao seu paso pola X edición da Semana gandeira de Mazaricos, que aproveitou para explicar as propostas que o BNG defenderá na Cámara galega para o sector primario.

“Espero que Feijóo cumpra o seu compromiso e dunha vez por todas esta sexa a lexislatura do rural, aínda que iso implique dicirlle non a Madrid e a Bruxelas se prexudican ao noso sector agrogandeiro, que xa non é capaz de resistir máis discriminación e máis abandono do goberno galego”, indicou.

Dumping aos gandeir@s

Dentro das medidas que o BNG considera prioritarias figuran garantir un prezo xusto para os produtores cunha intervención directa da Administración no mercado, para evitar o dumping que practican industrias e grandes superficies extorsionando aos produtores. Neste mesmo sentido, contratos homologados cun prezo mínimo para o produtor de leite e control desde a Administración para que se cumpran.

Igualmente, o BNG propón apostar pola transformación dos produtos “para darlles valor engadido no mercado, máis aló da venda de leite, da carne ou doutros produtos agrarios, porque iso implica máis emprego e maiores niveis de renda”. Reactivar a Mesa do Leite para sentar a todas as partes implicadas no proceso de produción, transformación e venda coa Administración como mediadora, e aumentar a superficie das explotacións recuperando o banco de terras.

Finalmente, Pontón explicou que deben habilitarse liñas de crédito a xuros cero para aquelas explotacións que precisen investir na renovación ou na mellora das súas instalacións, facilitando tamén o relevo xeracional.

Pontón asistiu a poxa de vacún que se celebrou ao longo da mañá no recinto feiral de Mazaricos, -unha das máis consolidadas do país-, acompañada polo portavoz parlamentario de Medio rural, Xosé Luís Rivas, e polo alcalde Xoán Blanco Rivero. A dirixente nacionalista aplaudiu a celebración deste tipo de eventos porque serven para poñer en valor o papel dos e das gandeiras para preservar o medio rural e darlle vida e futuro aos concellos como Mazaricos, cuxa economía depende nun 90% da actividade agraria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG