A portavoz nacional, Ana Pontón, acusa ao presidente da Xunta de impoñer un debate a cegas dos orzamentos xa que, por primeira vez, o pleno do Parlamento vai debater sobre as contas públicas sen que o Goberno do PP teña remitido aos grupos da oposición nin a máis mínima documentación, algo insólito na Cámara galega.
“Que oculta o señor Rueda neses orzamentos para impoñer o debate a cegas? Oculta novos recortes na sanidade pública como pasou nas contas de 2022, oculta máis rebaixas fiscais para as rendas máis altas, oculta a súa falta de alternativas para darlle solución aos problemas do País?”, interpelou a líder do BNG.
Pontón reclámalle a Rueda transparencia, luz e taquígrafos, e que remita de inmediato ao Parlamento a información do proxecto de orzamentos antes da súa comparecencia, porque, alega, non se pode debater sobre un documento opaco que o PP lle esconde aos grupos da oposición, nun feito que non ten precedentes na Cámara.
“O martes temos un debate no Parlamento pero non sabemos se Rueda vai baixar o imposto de patrimonio, é dicir, se lle vai baixar impostos aos máis ricos, ou o non o sabe ou o está ocultando, calquera das dúas alternativas é gravísima e demostra até que punto temos un goberno insolvente, incapaz de enfrontar o debate. Que envíen xa o proxecto de orzamentos, non se lle pode agochar á cidadanía as contas públicas”, reclamou.
En relación a prohibición de 87 zonas de pesca de fondo por parte da Unión Europea, Pontón considera “impresentable” que o Goberno do Estado “non se teña posicionado xa do lado do sector pesqueiro galego”.
É evidente que nin o Goberno central nin a Xunta “fixeron ben o seu traballo”, indicou, porque un regulamento comunitario non se aproba dun día para outro e a Comisión Europea leva anos traballando neste veto, “pero nin PP nin PSOE defenderon os intereses da frota galega”. Pedimos ao Goberno central que solicite a paralización desa prohibición e que presente un recurso inmediato, e senón o fai que a Xunta se mova e presione, “o que non vale de nada é un pim-pam-pum entre PP-PSOE mentres hai persoas que non saben se terán traballo a semana que ven”.
A portavoz nacional fixo estas declaracións desde A Coruña, onde asistiu a un acto dentro da celebración do 40 aniversario do BNG, neste caso coa instalación dunha placa no frontón de Riazor, que recorda a efeméride da fundación da formación en 1982, agradecendo ao concello da Coruña que permita lembrar ese momento histórico.
O Bloque nestas catro décadas deixou claro que no seu ADN está a “defensa dos intereses de Galiza por riba de todo”, indicou, e corenta anos despois o BNG “está no seu mellor momento coa responsabilidade que nos deron os galegos e as galegas ao situarnos como alternativa ao PP, e imos deixarnos a pel para que ese mandato sexa realidade e, por primeira vez, este País teña un goberno coas mans libres para defender os seus intereses, un Goberno liderado polo BNG”, proclamou.
Libres ante Madrid, libres ante os lobbys
Desde o frontón de Riazor, a líder nacionalistas subliñou que “moitos dos pasos adiante e dos avances destas catro década se lograron grazas ao empuxe do BNG, man a man cos sectores máis dinámicos, innovadores e inconformistas da sociedade galega. E hoxe somos o referente para toda a cidadanía que quere cambio real e, co seu apoio, estamos preparados e preparadas, con máis madurez e bagaxe para enfrontar os retos que Galiza ten por diante”.
“Ofrecémoslle aos galegos e as galegas algo que ninguén máis pode ofrecer: unha organización política libre, libre de ataduras dos grandes poderes económicos e libre de ataduras de Madrid, só nos ata a defensa de Galiza”, concluíu, nun acto no que tamén participou o portavoz municipal e candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, responsables políticos, militantes e simpatizantes.