A portavoz nacional, Ana Pontón, ten claro que a atención primaría está nunha situación de colapso tras doce anos de recortes e privatizacións do Goberno de Feixoo que, ademais, está utilizando a pandemia para afondar no deterioro dunha parte da sanidade pública que é clave para manter a saúde da poboación.
Por iso, pide ao xefe do Executivo unha rectificación inmediata para pasar da liquidación ao rescate integral da atención primaria.
“A atención primaria está afogada pola falta de medios e de persoal, co agravante de que o presidente da Xunta utiliza a pandemia para rematala. Senón rectifica de inmediato, será vostede señor Feixóo o liquidador da atención primaria. Antes da súa chegada era a xoia da coroa do sistema sanitario, doce anos despois está ao borde do colapso”, denunciou Pontón.
As probas son “incontestables”, alegou a líder do Bloque na sesión de control.
“Por primeira vez hai listas de espera de até dúas semanas para ir á médica de cabeceira, por primeira vez non se garante a atención presencial nos centros de saúde e por primeira vez os e as profesionais son desprestixiados desde o Goberno, que os acusa de non quere atender ás persoas, unha difamación indecente despois de todo o que fixeron na pandemia”, denunciou a portavoz nacional.
Unha atención primaria con listas de espera é “un disparate e unha contradición”, explicou, porque acudir ao centro de saúde é a primeira alternativa ante unha doenza, “pero se a resposta é un contestador telefónico ou unha semana de lista de espera a reacción é ir urxencias ou á privada quen poida pagala e iso explica moito do que está pasando”.
Para dar un xiro de 180º, o BNG propón unha batería de medidas para rescatar a atención primaria, medidas “concretas e realistas”. Empezando por un investimento de choque de 200 M€, sufragable coa devolución do IVE que o Estado debe a Galiza; a contratación de persoal en todas as categorías para dotar aos centros de saúde dos recursos que permitan a atención presencial ao 100% das persoas que o necesiten.
Como terceira medida, xerencias propias con capacidade de decisión e con orzamentos; fixar como obxectivo de lexislatura destinar o 25% do presuposto de saúde a atención primaria e convocar as 6.000 prazas vacantes no SERGAS.
“Hai solucións, o que se precisa é vontade política para rescatar a atención primaria, decida de que lado está, se quere rescatar ou liquidar a atención primaria. No BNG temos claro que imos defender con uñas e dentes esta conquista histórica porque falamos da saúde dos galegos e das galegas”, recalcou.
Pontón foi especialmente crítica co trato dado ao persoal sanitario, ao considerar que se cruzaron todas as liñas vermellas pretendendo responsabilizalo ante a sociedade das consecuencias de doce anos de recortes e privatizacións.
“Impropio é ver ao seu Goberno acusando ao persoal médico que deu tanto nesta pandemia de non querer atender aos pacientes, iso si que é unha indignidade señor Feixoo”, denunciou, ao tempo que se facía eco das críticas e do malestar expresado polos propios profesionais a través dos medios de comunicación.
As e os profesionais denuncian
“O problema é que existen listas de espera na atención primaria. As causas, unha e outra vez denunciadas, son persoal insuficiente e falta de previsión de recambio xeracional”, indicou citando declaracións públicos de persoal de atención primaria.
“Estamos cansas de traballar en xornadas maratonianas, interminables, con falta de recoñecemento e incluso de respecto (...) e esiximos dignidade e respecto, esiximos medios, esiximos unha rectificación e unha desculpa. Quen lle fala non é Ana Pontón, señor Feixoo, é unha médica de familia a través dos medios”, subliñou.
Precariedade no SERGAS
“Isto é o que trasladan da súa política sanitaria e non deben ir as cousas tan ben cando temos ao persoal desta maneira e trasladando estas opinións”, indicou, para pedir que en lugar de botar balóns fora aporte solucións, “empezando pola precariedade porque o 60% dos profesionais que rematan o MIR este ano rexeitan os seus contratos pola precariedade que ten instalado no SERGAS, doce anos de goberno, trinta de PP e non ten persoal suficiente. Rectifique e non sexa o liquidador da atención primaria neste país”, concluíu.