A portavoz nacional asegurou hoxe que “o acordo que conseguiu o BNG pon a Pontevedra na axenda do Estado e mellora a vida dos seus cidadáns”, para os que serve a “política útil” que practica a forza nacionalista. “Galiza gaña e Pontevedra gaña”, subliñou durante a presentación na cidade do acordo de investidura acadado polo Bloque.
Acompañada pola senadora Carme da Silva e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, Pontón destacou que, grazas ao traballo do BNG, Pontevedra vai contar con máis medios para loitar contra a violencia machista, pois o acordo inclúe a creación dun xulgado extraordinario na cidade. Pero tamén, engadiu, suporá melloras nas súas infraestruturas e mobilidade, xa que ademais dos novos descontos para os usuarios recorrentes da AP-9, recolle o compromiso de implantar o tren de proximidade antes de que remate a lexislatura polo menos nas áreas de Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol.
“É unha aposta polo transporte do futuro” e “un paso histórico” na modernización do ferrocarril, asegurou Pontón, que lembrou que Galiza é na actualidade a única comunidade, xunto a Estremadura, que non ten tren de proximidade. Esta é unha maneira eficaz de defender a igualdade do País con outros territorios, agregou.
Destacou, por outra banda, o “impacto” que o acordo terá para mellorar a vida dos cidadáns, pois ademais da actualización das pensións conforme ao IPC vanse incrementar as baixas, coa repercusión que iso terá para Galiza, que ten as pensións máis baixas do Estado e cun gran peso das non contributivas.
A portavoz nacional referiuse tamén á importancia “máis simbólica” que ten para Pontevedra a declaración de recoñecemento e reparación, incluída no acordo, en relación co consello de guerra e condena a morte a Alexandre Bóveda, anulado pola Lei de Memoria Democrática. “É unha medida de xustiza e dignidade colectiva”, apuntou.
Fronte á política útil do BNG para que Galiza avance e para mellorar a vida da xente, Pontón situou a “incapacidade de Alfonso Rueda para defender os intereses dos galegos e as galegas ante o Estado”, un presidente da Xunta que “está enfadado porque hai un bo acordo para Galiza que é unha mala noticia para o PP”, asegurou. “Rueda claramente está fora de xogo con este acordo” porque, considerou, “calquera presidente se alegraría de que haxa boas noticias para o seu País, negocie quen as negocie”.
É por iso que lle volveu reclamar que “se non é capaz de axudar, polo menos que non entorpeza e non poña paus nas rodas”.
Na mesma liña, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deixou clara a diferenza que existe para Galiza e para Pontevedra cando o BNG está nas Cortes do Estado: “Cando o BNG está nas Cortes os proxectos do Estado para Pontevedra avanzan. Hai unha enorme diferenza cando está o BNG e cando non está”, sostivo. Como exemplo desta afirmación referiuse ao no de Bombeiros. “No ano 2015 o BNG non tivo escano no Congreso e este proxecto parouse. E cando en 2019 o BNG volveu ao Congreso, foi incluído no Acordo e actualmente está en fase de adxudicación da obra”, explicou.
A senadora Carme da Silva, á que Pontón se referiu como unha das “muñidoras” do pacto acadado, salientou como unha das boas noticias que supón para Pontevedra o impulso ao segundo tramo do Paseo de Marín desde a cidade do Lérez. No que atinxe ás comunicacións ferroviarias, subliñou tamén o compromiso de contar cos servizos de proximidade antes de acabar a lexislatura no eixe Pontevedra-Vigo. “Uns servizos que mellorarán a mobilidade diaria da poboación de Pontevedra e que se enmarcan na liña de apostar pola sustentabilidade no transporte”, manifestou.
No capítulo da seguranza viaria, salientou o Plan plurianual 2024-2028 para actuacións urxentes en estradas con tramos perigosos como é o caso da AP-9, A-52, N-550, N-541 ou PO-11, “todas elas vías de uso frecuente polos veciños e veciñas de Pontevedra”. Sen esquecer, engadiu, os descontos do 75% na AP-9 e AP-53 que redundarán nos petos dos pontevedreses.