A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou o caro que lle resulta a Galiza a submisión de Feijóo a Rajoy primando os intereses do PP sobre os do país, unha “deslealdade” que ten como novas mostras o veto á tarifa eléctrica galega, -que se consumará na tramitación da ILP-, e a falta de iniciativa para frear a estafa das peaxes, tras o anuncio dunha nova suba por parte de AUDASA.
“O que fai Rajoy e Feijóo e usar o BOE para dicirnos aos galegas e as galegas: mans arriba isto é un atraco”, ironizou Pontón, tras anunciar que o Bloque vai pedir que o Parlamento se posicione en contra desta novo incremento das peaxes e, por contra, solicite unha baixada das tarifas e os descontos que se aplican noutros territorios. Ademais, avanza que volverá levar ao Parlamento a solicitude de transferencia da AP9 así como o seu rescate.
“Vai facer algo Feijóo?”, interpelaba a portavoz nacional, quen salientou que “se a Cristina Cifuentes lle din que van subir as peaxes das súas autoestradas, que hai cero euros para as radiais madrileñas pero hai 4.000 para rescatar a AP9 estaría montando unha mobilización política, nas antípodas do silencio e da submisión do presidente da Xunta”, alegou. A dirixente do Bloque considera unha prioridade acabar coa estafa das peaxes “que estafa a miles de galegos e galegas sen máis alternativa que esa autoestrada”.
A outra “deslealdade” cos intereses dos e das galegas, -familias e empresas-, está no veto do PP a ter unha tarifa eléctrica propia suprimindo esa proposta da ILP contra a pobreza enerxética presentada pola CIG, que xa tivo unha ha tramitación lenta, “como se estivese durmindo o soño dos xustos”.
Esta posición de Feijóo provoca que en Galiza 500.000 persoas teñan dificultades para pagar a factura eléctrica, e meso padezan pobreza enerxética “nun país que exporta o 40% da enerxía que produce” e, ao mesmo tempo, provoca destrución de emprego como o caso da planta de Alcoa na Coruña coa perda de cen empregos directos. “É un sen sentido que sendo produtores de enerxía non podamos utilizala para darlle competitividade ás empresas”, indicou, como fai Euskadi cunha tarifa diferenciada que lle permite aforrar 50M€ anuais.
“Pon en risco empregos en Galiza pola súa submisión a Rajoy e polo seu centralismo, que ten un coste altísimo para o noso país.”, criticou Pontón, quen pediu explicacións polo feito de que a Xunta non tivese presentado ningunha alegación ante un marco eléctrico que prexudica ao país, como fixeron outros territorios como Euskadi, Catalunya ou Estremadura. “Hai que acabar co espolio eléctrico”, reclamou.
A dirixente do Bloque tamén chamou a atención sobre o feito de que, en pleno debate para mudar o actual sistema de financiamento autonómico, o Goberno galego non teña presentado ningunha proposta para Galiza, e que se limite a “criticar a Euskadi e a esperar ao que ten que dicir Montoro”. “O noso problema non se soluciona atacando o que fai o Goberno vasco senón combatendo un modelo centralista que nos prexudica e nos discrimina”, agumentou.
Pontón reclama de Feijóo que remita ao Parlamento a proposta que ten para Galiza, ao tempo que salientou que o Bloque ten unha alternativa clara en materia de financiamento: concerto económico, que aportaría 3.500 millóns de euros adicionais. “A posición da Xunta vai en contra dos intereses dos e das galegas e retrata a un Goberno ausente dos temas centrais para Galiza”, concluíu.