Galegas 2020

Ana Pontón: “ O 12 de xullo consolida ao BNG como alternativa ao goberno do Partido popular”

Ana Pontón
Ana Pontón

Reafirma o compromiso do BNG coas  persoas e  aposta por un  “acordo de País” para sacar adiante a Galiza

Asegura que o 12 de xullo marca o inicio da historia que levará a Galiza a ter unha muller presidenta e un  goberno sen ataduras dos partidos estatais

Despois de  agraceder o grande apoio recibido, por máis de 310 mil galegos e galegas, e o traballo realizado pola militancia, así como de todas as  persoas que colaboraron no proceso electoral, a  portavoz nacional do BNG,   Ana Pontón, afirmou que “onte, 12 de xullo, emerxe un novo BNG  como alternativa ao goberno do Partido popular”.

Tras a primeira reunión da Executiva Nacional, Pontón recalcou o compromiso do BNG coas  persoas porque é necesario, dixo “levantar o país” e neste sentido afirmou  que o BNG aposta por un “gran acordo de País” coa participación das institucións, partidos políticos  e  axentes sociais.

A líder do BNG mostrou a súa satisfaction polo que cualificou de “enorme  caudal de ilusión en torno á candidatura do BNG” e asegurou que “todas esas persoas saben que hoxe estamos máis cerca de que no 2004 se produza o cambio en Galiza cunha muller presidenta”.

Pontón salientou o apoio recibido por un gran número de mulleres que “soñaban co soño colectivo de ver por primeira vez   a unha muller ao fronte da presidencia abrindo  un tempo novo para as mulleres galegas”. Seguiremos traballando para construír esa Galiza con “mulleres empoderadas”, con maior igualdade e oportunidades.

O 12 de xullo comeza o camiño para un goberno cunha muller presidenta

Para Pontón, “onte non acabou nada, empeza todo”, un traballo que nos leve no ano 2024 a ter unha alternativa fortalecida para abrir unha nova etapa. Hoxe isto é posible porque temos unha alternativa de goberno, organización e experiencia ademais dun “proxecto consolidado”. Hoxe, insisitiu, a líder do BNG, é un día para mirar ao futuro e lanzar unha mensaxe de esperanza, sobre todo na situación excepcional que nos atopamos cunha crise económica moi complexa, e unha crise sanitaria e social. Este domingo, engadiu, o BNG recibiu a responsabilidade “da reconstrución de Galiza” e tendes o meu compromiso de que  “miraremos por todos os galegos e galegas” e ofreceremos unha alternativa a todo o que estamos vivindo.

É imprescindible un gran acordo de País para reconstruír Galiza

Pontón insistiu na necesidade “dun acordo de país” como aposta de futuro e explicou que debe ser imprescindible que neste gran acordo teñan presencia as institucións, os partidos políticos e o conxunto dos axentes sociais. O próximo goberno ten este reto e debe estar “á altura das circunstancias”. Dende o BNG, reiterou, “tendemos a man para que en Galiza se produza este acordo” para erguer ao conxunto da sociedade e poder  saír desta crise. Despois das eleccións, miles de cidadáns continúan coas mesmas preocupacións para enfrontarse á crise económica, centos de autónomos que non ven unha solución, comercios que pecharon as súas portas e centos de persoas que perderon o seu emprego ou están inmersos nun ERE ou ERTE. A política, afirmou debe poñer no centro ás persoas e dende o BNG queremos poñer por diante os seus intereses, “nesa liña imos traballar”.

“Seguiremos traballando con humildade, fortaleza e ilusión para seguir crecendo e iniciar esa historia que hoxe comezamos a escribir para que Galiza poida ter a unha muller na presidencia e un goberno sen ataduras de forzas políticas estatais”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG