Ana Miranda ten presentado diversas iniciativas na Eurocámara co obxectivo de que a Unión Europea inste aos gobernos de España e Noruega a asinar un convenio bilateral de carácter retroactivo que teña por obxectivo garantir os dereitos dos traballadores afectados, que neste caso afecta a máis de 12.000 persoas ás que a día de hoxe o estado noruegués segue sen recoñecerlles os seus dereitos.
Para a portavoz do BNG en Europa resulta “inadmisible” que a Unión Europea sexa quen de desenvolver convenios bilaterais sobre diferentes asuntos con Noruega, como a libre circulación de mercadorías, pero non en política social. Neste sentido sinala que Noruega non recoñece as pensións de xubilación aos traballadores do mar embarcados nos seus buques até o ano 1994, por carecer da condición de residentes mentres traballaban alí, malia a pagar en Noruega os seus impostos.