A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, traslada á Comisión Europea mediante unha pregunta escrita a preocupante situación da multinacional Alcoa, que vén de anunciar o peche das súas plantas en A Coruña y Avilés, o que supón a perda de 369 postos de traballo directos en Galiza, alegando perdas económicas pese a ter recibido nos últimos catro anos máis de 500 millóns de euros de fondos públicos.
“Neste caso atopámonos cun dobre paradoxo: o peche dunha empresa tras recibir unha gran cantidade de cartos públicos e o risco que supón para o industrial galego ter unhas facturas da luz das máis caras de Europa”, denunciou Ana Miranda. “E todo isto mentres os lobbys das grandes empresas eléctricas acadaron uns beneficios multimillonarios, 5.600 millóns o ano pasado”, engade.
Para a eurodeputada nacionalista “non se pode permitir que unha multinacional aumente as súas contas grazas aos cartos públicos e logo execute unha brutal destrución de emprego”. Ao seu xuízo, “cómpre tomar medidas urxentes para garantir a competitividade das empresas asentadas en Galiza”, entre as que se atopa a tarifa eléctrica galega.
O BNG denuncia que Galiza é dobremente prexudicada polos elevados custes da electricidade. Por un lado, con este caso da ameaza de peche por parte de Alcoa, que tamén afecta a Asturias. E por outro, creando unha bolsa de pobreza enerxética entre as familias galegas. “O propio Eurostat afirma que o Estado Español, con Galiza á cabeza, ten a luz máis cara de Europa, cun 15% da poboación que non poden satisfacer as necesidades domésticas de acender a luz, lavarse con auga quente ou utilizar a calefacción”, apunta Miranda.
Prezo xusto
“Estamos vendo como as continuas subidas dos prezos da luz son unha auténtica estafa para as familias, porque pagan o recibo máis caro de Europa e inda por riba perden o emprego”, denuncia a eurodeputada galega, ao tempo que critica que 180.000 persoas sufran pobreza enerxética nun país que exporta electricidade. “A enerxía debe ser considerado como un ben común básico e a electricidade debe ter un prezo xusto e estable”, subliña.
Para o Bloque non se pode permitir que Galiza padeza unha “nova sangría” no sector industrial, coa destrución de centos de postos de traballo e dun sector estratéxico para a economía do país. “Non imos permitir que unha multinacional ou os intereses das eléctricas poñan en risco o futuro do país”, destaca Ana Miranda.