parlamento europeo

Ana Miranda, relatora en Italia e Portugal en dúas conferencias contra o avance do neofascismo en Europa

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG denuncia as políticas anti-inmigración da Unión Europea e do goberno de extrema dereita da primeira ministra italiana

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa hoxe e mañá en dúas conferencias en contra do avance do fascismo en Europa nas que denunciará como a extrema dereita, mesmo na Eurocámara, defende posicións contrarias aos dereitos humanos e a dignidade das persoas. Así, esta tarde tomará a palabra no debate “Europa anno zero. Il clima, la guerra, la giustizia sociale”, que terá lugar en Roma e está organizado polo eurodeputado Massimiliano Smeriglio.

Na súa intervención, a eurodeputada nacionalista denuncia as políticas anti-inmigración que leva a cabo a Unión Europea e o goberno da primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, continuadora das políticas de Salvini. Neste sentido, Miranda fai referencia ao memorando de entendemento con Túnez asinado pola UE e Italia, que prevé axudas directas da UE por valor de máis de 100 millóns de euros para evitar que as persoas migrantes cheguen a Europa, e outros “acordos da vergoña”.

Xa en Portugal, mañá venres, Ana Miranda participará no “Fórum Socialismo 2023”, organizado polo Bloco de Esquerda e que se celebrará na Escola Superior de Viseu. “Combater o neofascismo” será o título da conferencia na que participará xunto ás eurodeputadas Marisa Matias e Manon Aubry.

Traxectoria antifascista

Con estes dous actos, Ana Miranda continúa a súa traxectoria de loita antifascista. Así, as súas intervencións súmanse ao seu traballo desenvolvido no Parlamento Europeo a prol da devolución do pazo de Meirás, -que foi visitado por unha delegacións internacional de eurodeputados en maio de 2018-, e a ilegalización da fundación Franco.

Así mesmo, a eurodeputada do Bloque foi promotora, xunto a outras eurodeputadas, da aprobación da Resolución en Contra do Avance do Neofascismo en Europa. Este documento, ademais de expresar fonda preocupación “ante a crecente normalización do fascismo, o racismo, a xenofobia e outras formas de intolerancia na Unión Europea”, pide aos Estados Membros que condenen estes feitos e tomen medidas “para previr, condenar e combater a incitación ao odio e os delitos de odio”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG