A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu na Eurocámara que o sector da pesca artesanal conte con “medidas inmediatas, significativas e públicas” para garantir o futuro deste sector tan importante para Galiza, como son o recoñecemento da súa natureza e as súas características singulares na futura PPC e a súa exclusión dos TAC’s e cotas.
“O meu país, Galiza, é un Pobo mariñeiro, onde a pesca de artesanal e o marisqueo é fonte de riqueza que alimenta a moitas familias, que ten un baixo impacto ambiental, emprega artes de pesca sustentables e respecta os ciclos biolóxicos das diferentes especies”, subliñou a eurodeputada nacionalista na súa intervención no debate celebrado no Parlamento Europeo a situación da pesca artesanal na Unión Europea e as perspectivas futuras, que hoxe resultou aprobado por ampla maioría
Ana Miranda sinalou que, pese as súas características e a súa importancia para o desenvolvemento económico das vilas mariñeiras, a pesca de baixura é o sector pesqueiro menos apoiado, xa que recibe a cota máis baixa dos fondos europeos. “Non podemos permitir que a UE poña en perigo este sector tan importante que crea tanto emprego e que garante o abastecemento de peixe”, advertiu a eurodeputada nacionalista, quen advertiu que o futuro da pesca costeira e artesanal non só depende de medidas sustentables a longo prazo.
Ausencia do comisario de Pesca
A eurodeputada do Bloque criticou asemade a ausencia do comisario de Pesca, Virginijus Sinkevičius, no debate da Eurocámara sobre a situación da pesca artesanal, que a xuízo de Miranda amosa a súa “escasa preocupación pola situación do sector pesqueiro de nacións pesqueiras como a galega”.
Mostra da nula preocupación da Dirección Xeral de Pesca polo sector é o anuncio da ampliación da prohibición á pesca de fondo antes de levar a cabo a revisión das 87 vedas no Atlántico Norte que xa están en vigor. A prohibición da pesca de fondo neses caladoiros produciuse en setembro, e pese a que nun primeiro momento a Comisión indicou que en decembro se faría unha primeira revisión da decisión están retrasando tanto a revisión como os informes científicos que a sustenten esta posible modificación.
“A actuación da Comisión respecto ao sector pesqueiro é inadmisible e amosa unha terrible falta de sensibilidade e un total descoñecemento das nacións pesqueiras como a galega”, manifesta Ana Miranda ao respecto, lembrando que o veto á pesca de fondo afecta en Galiza a 200 barcos de capital directamente galego e 900 de forma indirecta, máis de 4.000 tripulantes, os portos de Vigo, Ribeira, Coruña e Celeiro, así como en toda a cadea da pesca.