Parlamento Europeo

Ana Miranda pregunta á Comisión Europea polo procedemento de infracción que afecta á ampliación da concesión a Ence

Ana Miranda
Ana Miranda

Ana Miranda: “É inaceptable que os sucesivos gobernos estatais incumpran a normativa europea que protexe a nosa costa fronte a contaminación”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, remitiu unha pregunta á Comisión Europea para coñecer o estado do procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da Directiva de Servizos nas concesións costeiras e para saber que medidas tomou o Estado Membro para corrixir as causas desta infracción. “É totalmente inaceptable que os sucesivos gobernos estatais incumpran a normativa europea que precisamente serve para protexer a nosa costa da contaminación e do espolio de empresas como Ence”, manifesta.

A eurodeputada nacionalista subliña que a Lei de Costas sustentou a prórroga da concesión á empresa papeleira Ence até 2073, -concedida polo goberno do PP presidido por Mariano Rajoy en 2016- sen un proceso aberto de selección e infrinxindo a Directiva de Servizos. Neste sentido lembra que nunha sentenza do 20 de abril de 2023, o Tribunal de Xustiza da UE declara que a Directiva de Servizos impón a obriga de que estas concesións sexan adxudicadas con selección imparcial e transparente. “Por se fora pouco, o propio TXUE deixa sen efecto as normas estatais que dispoñan o contrario”, salienta.

Segundo o Dereito da Unión, para outorgar concesións de ocupación do dominio público marítimo, os Estados Membros deben aplicar un procedemento de selección entre os candidatos potenciais cando o número de autorizacións dispoñibles para una determinada actividade estea limitado debido á escaseza dos recursos naturais. “No caso da prórroga a Ence atopámonos por tanto nunha clara vulneración do dereito comunitario”, subliña Ana Miranda.

Fin do prazo

O 15 de febreiro de 2023, a Comisión abriu un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprir a Directiva de Servizos e non garantir un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras. “Xa pasaron os dous meses que ten de prazo o Estado para responder ao requirimento, polo que queremos saber se desde o goberno central se tomou algunha medida ao respecto”, manifesta a eurodeputada do BNG, quen critica non ter acceso ao expediente correspondente.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG