A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participa onte e hoxe en Porto na Contracimeira Social, que se está celebrando baixo o lema “Erradicar a pobreza, combater a precariedade, garantir o pleno emprego”. Esta contracimeira, que inclúe diversos paneis informativos e accións na rúa como a manifestación convocada pola CGTP "Por unha Europa dos traballadores e dos Pobos", está organizada como resposta á Cimeira Social que se celebra na cidade lusa promovida pola presidencia portuguesa do Consello de Ministros da Unión Europea e cuxos anfitrións son António Costa, pola presidencia portuguesa, e Ursula von der Leyen, como presidenta da Comisión.
“Estamos en Porto para denunciar a falla de ambición da UE en políticas sociais e a única aposta por un modelo económico e financeiro neoliberal que esmaga aos nosos Pobos que son os que sofren as consecuencias das sucesivas crises”, subliña Ana Miranda, quen salienta que para o Bloque resulta tremendamente preocupante este modelo que precariza o traballo e promove pobreza e desigualdade a consecuencia das sucesivas reformas da UE. Considera que esas reformas, como as impostas polo Semestre Europeo e as recomendacións anuais, están baseadas na desprotección da clase traballadora, a desrregularización e a imposición de regras que condicionan a protección laboral e social.
Esas reformas teñen como consecuencia un escandaloso aumento da pobreza, con máis de 92 millóns de persoas pobres na Unión Europea. “A Cimeira Social expresa entre os seus obxectivos a redución de 15 millóns de pobres até 2030, o que significa que en ase ano seguirían existindo 77 millóns de persoas pobres. Por iso dicimos que estamos ante unha UE insensible e con falta de ambición na loita contra as desigualdades e que non está á altura das consecuencias sociais e económicas da pandemia”, manifesta a portavoz do BNG en Europea.
Declaracións grandilocuentes
Ana Miranda explica que no 2017 a Unión Europea lanzou o denominado Pilar Europeo dos Dereitos Sociais, -que foi aprobado en marzo de 2021-, debido ao escandaloso desequilibrio entre a prioridade dada ao crecemento e competitividade económica e a escasa atención adicada a acadar ao pleno emprego, a loitar contra a pobreza estrutural en todas as súas dimensións e a combater as desigualdades. Segundo a portavoz dos nacionalistas en Europa, "as medidas dos xefes de Estado que se reúnen no Porto van ficar no papel como propaganda, pois nin foron capaces de afrontar a crise de 2008 nin están a altura na crise provocada pola Covid19 e quen paga a perda de emprego e a precariedade son as clases populares”.
“De pouco vale que veñan a Porto a dicir o importante que é o pilar de dereitos sociais e a facer declaracións grandilocuentes se logo esixen aos Estados Membros reformas leoninas e impoñen condicións macroeconómicas que implican recortes nos investimentos públicos, precariedade laboral e vital, emigración e desmantelamento da capacidade produtiva e dos servizos públicos como acontece en Galiza”, denuncia Ana Miranda.
O BNG considera este modelo de ortodoxia neoliberal unha imposición contra nacións como a galega, pois a UE impón o cumprimento de estritas regras e reformas económicas, máis non contempla un modelo social europeo que compense socialmente os desequilibrios socias e territoriais que provocan a política económica e monetaria comunitaria en especial nos territorios periféricos coma o noso País. “Non é o mesmo ser traballadora precaria en Galiza que en Suecia, nin pensionista galego ou alemán", sinala Miranda.