Parlamento Europeo

Ana Miranda insta á Comisión Europea a activar un plan de recollida, tratamento e control das máscaras de protección e luvas

Ana Miranda
Ana Miranda
O BNG alerta do forte impacto no medio ambiente dos residuos non biodegradables

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclama que a Comisión Europea poña en marcha un programa que garanta a recollida, tratamento e control de máscaras de protección e luvas co obxectivo de diminuír o seu impacto no medio ambiente. Segundo destaca Miranda, “resulta imprescindible aumentar o control sobre os residuos para evitar danos no medio ambiente” dada a presenza destes sistemas de protección incluso nos océanos.

“Ademais da terrible situación sanitaria, social e económica causada pola pandemia do COVID19, esta tamén ten repercusións no medio ambiente, co aumento da contaminación terrestre e mariña”, sinala a portavoz do BNG en Europa nunha pregunta dirixida á Comisión, ao tempo que advirte do prexuízo que as luvas e as máscaras poden causar no medio ambiente ao non ser biodegradables.

Ana Miranda lembra que no 2019 o Parlamento Europeo aprobou a Directiva relativa á redución do impacto de diversos produtos de plástico no medio ambiente, que marcaba as pautas dos Estados membros para eliminar este material. “Trátase dun acordo importante, pero a día de hoxe é necesario ter en conta a nova situación para evitar as consecuencias da presenza do plástico”, considera.

Segundo datos da propia Comisión Europea, máis do 80% do lixo atopado no mar é de plástico, e debido ao seu lento proceso de descomposición, este acumúlase en océanos e praias, que posteriormente é inxerido por animais, como tartarugas, focas, baleas e aves, pero tamén polos peixes. “Temos unha gran responsabilidade non só en coidarnos a nós mesmas, senón tamén de coidar o medio”, conclúe a responsable nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG