A eurodeputada do BNG en representación do grupo Verdes-ALE, Ana Miranda, co-relatora Resolución sobre o avance do neofascismo en Europa”, salientou en rolda de prensa que a ilegalización da fundación Francisco Franco é unha das consecuencias fundamentais que se extraen do documento que se vota mañá no Parlamento Europeo. Miranda ofreceu comparecencia conxunta xunto as outras dúas eurodeputadas relatoras da resolución, italiana Eleonora Forenza (GUE) e a sueca Soraya Post (S&D).
“O artigo 20 da resolución urxe que os Estados Membros prohiban as asociacións e organización que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. É dicir, desde o Parlamento Europeo pedimos ao Estado español que prohiba a Fundación Francisco Franco”, explica a eurodeputada nacionalista, quen comezou a súa intervención sinalando que a de hoxe é unha convocatoria “especial e emblemática” porque por un lado tres mulleres “conseguimos propoñer e negociar unha resolución conxunta de tres grupos parlamentarios, pero por outro polo contido da mesma”.
Ana Miranda salientou que desde un “foro democrático e de defensa das liberdades” como é o Parlamento Europeo “temos que poñer en marcha medidas, de forma urxente, para frear a violencia, tanto física como institucional, que se produce en Europa por parte de grupos neofascistas. Neste sentido expresou a súa solidariedade coa eurodeputada Eleonora Forenza e o seu asesor, que o pasado 21 de setembro sufriron un terrible ataque por parte dun grupo neofascista, feito que orixinou a resolución.
A eurodeputada do BNG fixo referencia asemade á denuncia presentada pola familia Franco en contra do grupo de 19 activistas pacíficos que ocuparon simbolicamente o pazo de Meirás para defender a devolución deste inmoble así como a petición de ilegalización do BNG. Precisamente o grupo de memoria histórica do Parlamento Europeo puido comprobar nunha visita ao pazo como alí a fundación fai apoloxía da figura do ditador e dos corenta anos de ditadura.
Anomalía democrática
“Isto non sucede en ningún outro Estado de Europa. Nin en Alemania existe unha fundación Hitler, nin en Italia unha fundación Mussolini, nin en Portugal unha fundación Salazar”, apuntou a eurodeputada do Bloque, para quen esta situación supón a existencia dunha anomalía democrática no Estado español que debe ser corrixida con urxencia.
As emendas á resolución tamén contemplan a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos e a retirada de toda a simboloxía franquista. “Non podemos permitir que un ditador siga tendo un mausoleo no que se lle poidan render honores e ”, defende Ana Miranda. Asemade deféndese o desenvolvemento dun traballo de contextualización e reinterpretación para que os símbolos que non sexan suprimidos contribúan á sensibilización do público e a recuperación da memoria histórica. Os 309 casos de violencia xenófoba que recolleu SOS Racismo no seu informe de 2016 e o ataque ao Centro Cultural Blanquerna forman parte asemade das emendas presentadas.