A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, visitou hoxe as praias de Nerga (Cangas) e Area Maior (Muros), onde mantivo sendos encontros coa alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, e Muros, María Lago, así como co presidente de ADEGA, Roi Cuba. “Para protexer a nosa costa, é fundamental que a normativa europea inclúa a contaminación por microplásticos no transporte marítimo”, salientou a eurodeputada nacionalista.
Neste sentido, Ana Miranda explicou que, actualmente, a normativa europea estase a debater na Comisión de Medio Ambiente e na de Transporte. Na de Medio Ambiente estase debatendo as perdas de microplásticos e a xuízo da eurodeputada nacionalista, “ten que incluír o transporte mariño”. Pola súa banda, na Comisión de Transporte, -que está en negociacións nos denominados trílogos coa Comisión, o Consello e o Parlamento Europeo-, “existe a posibilidade de incluír tamén os pelets como sustancia contaminante” no novo regulamento de transporte marítimo.
Avanzou que presentará emendas á Comisión de Medio Ambiente tomando en consideración as propostas trasladadas polo presidente de ADEGA, Roi Cuba, quen sinalou que no plano europeo, habería que actuar en dúas direccións: por un lado, a nivel ambiental, desenvolvendo un regulamento que considere aos pelets como substancias contaminantes, xa que nestes non o son, de cara a tomar medidas na súa manipulación, tratamento e envasado. “Propoñemos que no transporte marítimo se establezan medidas máis estritas de control no seu transporte para evitar no posíbel perdas accidentais”.
Por outro lado, no marco do convenio MARPOL, “instamos á Organización Marítima Internacional que introduza unha modificación para asignar aos precursores plásticos en forma de pellet, escama ou pó a categoría de mercadorías perigosas”, explica Ana Miranda, para que tanto no empaquetado como no etiquetado, carga, estiba e manipulación, as condicións sexan máis estritas.
Ineficacia do goberno galego
Nos encontros que Ana Miranda mantivo coa alcaldesa de Cangas e a de Muros, tanto Araceli Gestido como María Lago transmitiron á eurodeputada nacionalista a falta de información e coordinación por parte do goberno galego, de forma que foron as propias administracións locais as que se viron na obriga de afrontar a limpeza das praias tras o vertido de pelets. “Temos que denunciar a ineficacia do goberno galego tanto na información facilitada como na xestión da marea dos pelets, que entran en toda a costa galega”, salientou Miranda.