A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a portavoz no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, esixiron esta mañá en rolda de prensa que a Xunta e o goberno do Estado actúen para que Galiza non perda dous tercios dos Fondos Europeos que estaba percibindo.
Esixiron que o estado español vete o marco económico que se está debatindo hoxe mesmo no Consello Europeo e no que se tratan os fondos de cohesión para o período 2014-2020.
Ana Miranda acusou á Xunta de ser politicamente irresponsábel e instou a que reclame a modificación dos criterios que se utilizan no reparto e polos que Galiza é considerado un país rico, malia a situación na que estamos de crise e coa degradación dos nosos sectores produtivos.
Podemos pasar dos 5.673 ME que recibimos no período anterior a 1.900 ME que, tal e como explicou Ana Miranda, destínanse a cuestións tan importantes como axudas para a formación, o saneamento das rías, axudas á agricultura, para a modernización da flota ou para a chegada da banda ancha ao rural.
O criterio que se debe ter en conta, tal e como recolle o BNG nas emendas que ten presentado, é que os datos de referencia do PIB sexan os dos últimos anos 2009-2011 e non 2007-2009 porque son os únicos que ofrecen unha imaxe real, unha foto da situación do noso país a día de hoxe.
Miranda animou á Xunta a que traslade este criterio na negociación que se realizará nos vindeiros meses que permitiría que Galiza non perda estes fondos.
Desde o Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila explicou que o BNG esixirá que o estado teña unha posición construtiva, tal e como ten dito Rajoy, pero para que o sexa na defensa dos intereses galegos e non para plegarse unha vez máis ás directrices marcadas polos estados que queren seguir na senda dos recortes que non nos conduce a mellorar a situación económica, tal e como estamos vendo.
En vista disto, o BNG esixe ao goberno do Estado que vete os orzamentos europeos en tanto que non responden ás necesidades que temos neste momento.
Nese sentido, a deputada insistiu na importancia de que se teña en conta a situación económica galega destes tres últimos anos porque é totalmente diferente á do período anterior.