Tras o encontro mantido con representantes da Plataforma en Defensa do Ferrocarril, e parte da candidatura do BNG encabezada polo candidato á Alcaldía Emilio Sánchez, a eurodeputada Ana Miranda, denunciou o desmantelamento dos servizos ferroviarios de Monforte de Lemos, tanto respecto a mercadorías como de viaxeiros, de viais e peiraos de carga. Ao seu xuízo estes recortes supoñen o illamento de numerosas poboacións rurais, a redución da mobilidade dos seus habitantes e a notable perda de postos de traballo.
“Dende o BNG defendemos no Parlamento Europeo que non se reduzan os servizos que Monforte ten que ter e que o porto seco teña unha utilidade”, destacou Ana Miranda lembrando que o porto seco, paralizado desde hai tempo, está integrado por 146.000 metros cadrados. Defendeu asemade a posta en marcha das medidas que reclama a Unión Europea de seguridade ferroviaria “para que non se volva producir un accidente como o do Alvia”.
Para a eurodeputada do Bloque a falta de mantemento das infraestruturas, tanto por falta de persoal como de investimentos, causa riscos de seguridade e excesos nos tempos de viaxe. Neste sentido, critica a non substitución do persoal xubilado, o cal provoca a supresión de trens por falta de maquinistas, de interventores e avarías que tardan en ser solucionadas. “O desmantelamento dun servizo público tan importante impide a articulación efectiva da zona sur de Lugo e o aumento de problemas na mobilidade da poboación”, salienta.
Precisamente a respecto da mobilidade Miranda denuncia que despois da reforma da estación de Monforte, esta non conte con ascensores entre as plataformas que faciliten o acceso ás persoas usuarias. Ademais, considera que potenciar o transporte ferroviario é a mellor ferramenta para loitar contra a crecente saturación das estradas e o aumento da contaminación.
Precarización dos postos de traballo
O desmantelamento dos servizos ferroviarios teñen unha repercusión tremendamente negativa no ámbito laboral, xa que ademais de reducir os postos de traballo esta producindo unha precarización dos mesmos, ao substituír os empregos estables e cualificados por postos de traballo en condicións precarias.
Ana Miranda demanda, por outro lado, o incremento das frecuencias ferroviarias de xeito que dean resposta as necesidades da poboación da comarca. “Non pode ser que non haxa unha combinación axeitada para o estudantado que se despraza a Santiago de Compostela, que está a pouco máis de 90 quilómetros”. Neste sentido reclamou unha relación directa no traxecto Lugo – Monforte – Ourense e Vigo, con horarios axustados ás necesidades das persoas usuarias, puidendo chegar a primeira hora a Compostela e de volta a última hora da tarde.
Co obxectivo de analizar as condicións de desmantelamento dos servizos ferroviarios, Ana Miranda e Emilio Sánchez avanzaron a celebración dunha xornada de traballo.