A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, enviou hoxe á Comisión Europea, en concreto á Dirección Xeral de Medio Ambiente, unha comunicación na que denuncia a existencia de verquidos no contorno da illa de Sálvora procedentes do dragado do río Lérez e na que insta á Comisión a comprobar esta situación e a verificar o incumprimento da Directiva Marco da Auga.
Ana Miranda critica a autorización de Portos de Galiza para realizar este depósito de residuos nun espazo medioambiental, pesqueiro e de marisqueo tan importante como é a zona de Sálvora, tendo en conta que esta illa pertence ao parque nacional das Illas Atlánticas. “Trátase dun atentado ambiental e económico para esta zona que hai que frear xa”, subliña.
Para a eurodeputada do Bloque só pode cualificarse de “total irresponsabilidade” que desde a Consellaría do Mar poñan en serio risco centos de postos de traballo do sector marisqueiro, pesqueiro e turístico dun espazo tan produtivo como a proximidade de Sálvora, tal e como por outro lado xa ten denunciado o portavoz do BNG de Ribeira, Xosé Vázquez Cobas.
Prioridade na Eurocámara
“Con toda probabilidade estamos diante de outro caso de incumprimento das leis fundamentais medioambientais e da auga que ten como consecuencia notables perdas económicas para a zona na que se produce”, explica Miranda, quen ten como unha das prioridades do seu traballo na Eurocámara a defensa do saneamento integral das rías e os ríos galegos.
Neste sentido, grazas á presión exercida xunto a diversos colectivos medioambientais, acadou que a Comisión de Peticións reabrise, na súa sesión do pasado mes de xaneiro, o informe sobre a falta de saneamento integral das rías do Burgo e de Vigo. Ademais, a eurodeputada nacionalista ten organizado tanto en Bruxelas como en Galiza diversas xornadas de traballo para analizar a contaminación e as súas consecuencias, así como os problemas na xestión dos fondos europeos, tanto respecto a calidade das augas das rías e ríos como da construción das infraestruturas urbanas.
“Desde o BNG opoñémonos a que Sálvora ou calquera outro punto do noso país se convertan nun vertedoiro, fomentado incluso polas administracións”, salientou Ana Miranda, quen asegura que na vindeira lexislatura seguirá loitando por acadar o fin da contaminación das augas galegas.