A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia que na Unión Europea non exista un programa que garanta a recollida, o tratamento e o control de máscaras de protección e luvas dun só uso co obxectivo de diminuír o seu impacto no medio ambiente. Así o recoñece a propia Comisión Europea na resposta á pregunta formulada pola nacionalista para coñecer que programas ten previsto desenvolver para garantir a xestión destes residuos que deixa a pandemia causada polo coronavirus.
“É unha terrible falta de responsabilidade que a Comisión Europea diga que non prevé lexislación para garantir a recollida, o tratamento e o control de luvas e máscaras cando no mesmo documento recoñece que está ao corrente dos efectos negativos da pandemia e do uso cada vez maior de equipos de protección médica dun só uso”, critica Ana Miranda, quen reprocha ás institucións comunitarias que sexan conscientes deste problema pero non poñan en marcha ningunha iniciativa para evitalo.
“Unha vez máis atoparémonos cunha reacción lenta e tardía da Unión Europea, se é que nalgún momento decide tomar iniciativas ao respecto”, manifesta a portavoz do Bloque en Europa, quen xa criticou asemade os retrasos para activar o plan de reconstrución para paliar as consecuencias económicas, sociais e laborais que está producindo a pandemia en Europa.
Segundo destaca Miranda, “dado que a presenza destes sistemas de protección continúa aumentando nos océanos resulta intolerable que non se tomen medidas, xa que ademais da terrible situación sanitaria, social e económica causada pola COVID19, esta tamén ten repercusións no medio ambiente, co aumento da contaminación terrestre e mariña”.
Modificación da Directiva dos plásticos
A portavoz do BNG en Europa sinala a posibilidade de realizar unha modificación na Directiva relativa á redución do impacto de diversos produtos de plástico no medio ambiente aprobada polo Parlamento Europeo en 2019, antes do inicio da pandemia. “Esa directiva marcaba as pautas dos Estados membros para eliminar este tipo de materiais, pero é necesario que teña en conta a nova situación para evitar as consecuencias da presenza do plástico”, salienta.