A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lamenta a actitude do eurodeputado alemán Rainer Wieland, que exercía as funcións de presidente, ao cortar a quenda de palabras pedidas para efectuar cuestións de orde ao inicio das votacións da sesión plenaria para rexeitar as manifestacións de Antonio Tajani sobre o ditador italiano Benito Mussolini.
“Atopámonos cunha situación antidemocrática que afectou a varias eurodeputadas e eurodeputados cando quixemos facer uso da nosa quenda de palabra. É intolerable”, explicou Ana Miranda, quen salienta asemade a gravidade das declaracións do presidente da Eurocámara, Antonio Tajani, xustificando actuacións de Mussolini.
Para o BNG non só é grave que se contraveña o espírito da Unión Europea ao tratar de “branquear” o fascismo, senón tamén polo incumprimento da Resolución contra o avance do fascismo en Europa aprobada na sesión plenaria do pasado 25 de outubro, da que Ana Miranda foi relatora, ao igual que a eurodeputada italiana Eleonora Forenza, a que tamén lle foi retirada a quenda de palabra.
A eurodeputada do Bloque considera que Tajani non é o exemplo de “presidente democrático, xusto e ecuánime que debería ser”, tanto no que respecta as súas manifestacións como no tocante as decisións arbitrarias de permitir uns actos, en concreto da extrema dereita española o pasado 6 de marzo, e prohibir outros.