A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera imprescindible que Galiza estea incluída no futuro Fondo de Transición Xusta, votado hoxe na Eurocámara, dentro do Plano de Investimentos do Pacto Verde Europeo presentado pola Presidenta da Comisión Europea onte no Parlamento Europeo. “É imprescindible que tanto a Xunta como o goberno central presenten unha proposta para evitar que Galiza quede marxinada. Está en xogo o presente e, sobre todo, o futuro para poder facer unha transición ecolóxica e social xusta xa que o impacto socioeconómico é enorme e non podemos ser os pagadore”, subliña.
Por iso, “Galiza non pode quedar atrás de ningunha forma e o Estado ten que incluíla cun plano de acción, tal como pediu o BNG na axenda galega do acordo de investidura”, destaca Miranda, quen lembra que así o transmitiu a propia portavoz nacional do BNG, Ana Pontón xunto cunha delegación da CIG As Pontes, na reunión que mantivo na Comisión Europea en Bruxelas no mes de decembro coa Directora de Mercados de Carbono en Europa e Internacionais, Beatriz Yordi.
Para a portavoz do BNG en Europa, “existindo uns obxectivos claros para realizar a transición ecolóxica e a mobilización de fondos, Galiza ten que contar á hora de tomar decisións no futuro da descarbonización, en especial pola afectación en comarcas como Ferrolterra e en particular co peche da central de Endesa”.
Financiamento para a Transición Xusta
“O fondo para a Transición Xusta recibirá 7.500 millóns de euros de novos fondos da UE e son os Estados Membros os que terán que determinar os territorios elixibles para a distribución de fondos a través de plans territoriais”, sinala a nacionalista, quen considera que se trata dun momento vital para poñer fin a crise industrial galega. Indica que precisamente un dos obxectivos da reunión celebrada na Comisión Europea o pasado 12 de decembro consistiu en dar a coñecer a situación específica de Galiza e a produción enerxética.
No fondo haberá tamén un réxime de transición específico con cargo ao denominado InvestEU, que mobilizará investimento por un importe de até 45.000 millóns de euros que tamén prevé contar con investimentos privados para enerxía sostible e transporte. “Nas diferentes modalidades de financiamento Galiza ten que ter presenza para captar fondos e afrontar a saída da crise industrial”, recalca Miranda.