Ana Miranda defende unha revisión urxente da Política Pesqueira Común

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG denuncia na Comisión de Pesca a discriminación do sector pesqueiro galego nos anos de aplicación da PPC

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu hoxe na Comisión de Pesca da Eurocámara a necesidade de modificar a Política Pesqueira Común (PPC), xa que non acadou os seus obxectivos de garantir que as actividades da pesca e a acuicultura sexan sostibles ambientalmente a longo prazo nin unha boa xestión pesqueira que cree emprego e fixe poboación nas zonas pesqueiras, que xere beneficios económicos e contribúa á produción de alimentos.

Pola contra, Miranda subliñou a importancia de que a nova PPC teña en conta a perspectiva social da pesca e debe considerar a dimensión social como unha prioridade, xa que até agora, para tomar diversas decisións, as partes afectadas non foran escoitadas, como son os pescadores e armadores, a cadea de produción e as comunidades costeiras que viven da pesca e do marisqueo.

Neste sentido, o Bloque considera que a dimensión social debe incluír tanto a mellora das condicións de traballo, da formación marítimo pesqueira no sector, da modernización da frota para facer que os buques de pesca sexan máis seguros nas duras condicións que ten a pesca en xeral.

“Os obxectivos da PPC non foron equilibrados para Galiza, existe unha gran descompensación entre os mesmos, e unha discriminación de certas frotas e territorios como a galega”, sinalou Ana Miranda na súa intervención na Comisión de Pesca, ao tempo que salientou a necesidade de revisar o criterio de estabilidade relativa e de que os obxectivos social, económico e medio ambiental sexan equilibrados.

Crítica ao criterio de estabilidade relativa

Neste sentido, o BNG considera que a Comisión mantén inxustamente o criterio de estabilidade relativa, baseado nos dereitos históricos de determinados Estados membros sobre determinadas pesquerías, sabendo que implica unha discriminación de partida que se mantén no tempo inxustamente para a frota galega. Para a eurodeputada nacionalista é fundamental que se revise, se actualice e se adapte aos cambios nas frotas e na xestión pesqueira e presentará emendas que recollan a posición do BNG sobre a PPC.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG