A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, alerta do risco da flexibilización da regulación do proceso de conxelación referido aos buques conxeladores que propón realizar a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) para ampliar a temperatura necesaria para efectuar esa conxelación. Nunha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea, o BNG recolle a proposta do sector e defende garantir ao máximo a seguridade alimentaria nunha situación tan complicada como a actual mediante o cumprimento da normativa europea.
“Desde o Bloque consideramos que non é axeitado realizar modificacións que poidan supoñer riscos as persoas consumidoras de peixe”, salienta Ana Miranda, quen lembra que o Regulamento (CE) n° 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello establece normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, así como os requisitos aplicables aos buques conxeladores, que deberán dispoñer dun equipo de conxelación coa suficiente potencia para reducir a temperatura rapidamente que garanta a seguridade alimentaria.
Concordancia co sector
No documento remitido á Comisión, a portavoz do BNG en Europa recolle as consideracións do sector, como a Organización de Palangreiros Gardeses (Orpagu), entre as que figuran os fortes investimentos que realizaron os buques palangreiros conxeladores para poder cumprir rigorosamente as directrices que establece o Regulamento Europeo. Así, estes buques alcanzan os -10º entre 2 e 4 horas, e os -40º entre 14 e 18 horas.
Pola contra, o BNG -en concordancia co sector- considera que a proposta da AESAN de permitir un tempo de 36 horas para alcanzar unha temperatura de -10º, “constitúe un risco para a saúde e a calidade dos produtos”, pero tamén unha vía de entrada para importacións en inferiores condiciones. Precisamente o Regulamento europeo 853/2004 subliña que “debe levarse a cabo a conxelación o máis rápido posible”.