A deputada Ariadna Fernández trouxo á comisión 7º a preocupación pola presenza en Galiza da enfermidade de Lyme, causada por unha bacteria que se contrae a través da picadura dunha carracha do xénero Ixodes. Defendeu unha proposición non de lei na que se reclamaba a súa “inclusión urxente na listaxe de enfermidades endémicas de Galiza. A iniciativa foi aprobada por unanimidade.
Fernández puxo de manifesto a necesidade de “coñecer mellor a distribución das carrachas, a súa densidade e o grao de infestación por a bacteria causante da enfermidade de Lyme”, para poder levar a cabo programas “útiles y eficientes. Ademais, para o BNG, é imprescindible un “plan de prevención e información á poboación, sobre todo nas zonas máis afectadas”, subliñou.
Na súa intervención, Fernández destacou as áreas máis afectadas por esta afección, “sendo a de maior incidencia a zona da Terra Chá, Meira”, ademais da Fonsagrada, os Ancares, Ortegal, e Mariña Occidental e Central, con taxas de máis de dez casos cada cen mil habitantes”. Noutros territorios como a Ulloa, Quiroga, a Mariña Oriental ou Lugo, a porcentaxe é de cinco a dez casos por cada cen mil habitantes”.
Os casos rexistrados concéntrase principalmente nos meses de xuño a outubro, aínda que os hai durante todo o ano. Por idades, chama especial atención o grupo de idade de cinco a nove anos, con taxas moi elevadas, o que supón “un perigo potencial para as crianzas que están en contacto coa natureza”. Na xente adulta, aféctalles sobre todo aos homes maiores de 65 anos, “en especial a persoas que teñen maior relación coa natureza” en concreto, son os profesionais do sector agrogandeiro e forestal, ao estar máis en contacto co vector que transmite a enfermidade.
Desde 2018, a doenza está considerada polo Estado español como unha enfermidade emerxente, pero “carecemos dunha vixilancia unificada” malia a que, “entre o 2005 e 2019 houbese 1.865 pacientes ingresados por este motivo”, advertiu.
Galiza sitúase no segundo lugar nas listaxes de maior número de casos hospitalizados pola enfermidade de Lyme. No período comprendido entre o 2017 e o 2019, houbo 71 ingresos, entre o 2014 e o 2016 ,67 e 28 entre o 2005 e o 2007, o que supón un aumento do 192%, unha porcentaxe “nada desestimable á hora de crear protocolos para frear o avance da enfermidade e para detectala de xeito temperán e comezar o antes posible o seu tratamento”, recalcou.
O propio SERGAS recoñece que o número de casos é moi superior ao do resto do Estado, o que o BNG considera un “grave problema de saúde pública”, xa que as enfermidades transmitidas por carrachas están medrando de xeito global e non podemos mirar cara outro lado”.
O 65 % dos casos en Galiza detectáronse nunha fase precoz,” na que a enfermidade se pode confundir cun estado catarro ou gripe”. Pero o 23% foron doentes crónicos ou diagnosticados “na fase diseminada da enfermidade, onde a diagnose é máis complicada e poden aparecer cadros de artrite, cardíacos e neurolóxicos e outros síntomas”. Fernández remarcou que esta doenza “non é para tomala coma unha brincadeira”. Nalgúns casos, mesmo chega a confundirse con ELA ou mesmo con Alzheimer, o que “evidencia a gravidade do problema e a necesidade de tomar medidas por parte do goberno do PP”, asegurou.
A deputada constatou que “a enfermidade de Lyme é unha realidade de Galiza difícil de reverter e controlar, aínda que non imposible, tendo medios e medidas aplicadas para levalo a cabo” e reclamoulle á Xunta do PP a “obriga de protexer aos galegos e as galegas, en especial á xente traballa no sector agrogandeiro e forestal”.
Para o Bloque, os estudos que a Consellería de Sanidade vai levar a cabo sobre a seroprevalencia “son benvidos, pero a realidade e que tardaron anos e anos en decidirse a tomar medidas”, tendo en conta que “levamos moito tempo con este problema”.
A enfermidade de Lyme é causada por unha bacteria, que pertence ao xénero Borrelia, dentro da que temos varias especies que os humanos contraemos pola picadura dunha carracha do xénero Ixodes. O parasito, que actúa como vector, aumentou a súa presenza no noso territorio debido ao cambio climático que, co aumento das temperaturas en especial no inverno, favoreceu a súa supervivencia e multiplicación, sendo maior a presenza nas zonas boscosas do norte do estado, incluíndo o noso país en especial, axudando neste caso a gran cantidade de hóspedes cos que conta, dende fauna salvaxe a gando.
Na súa quenda de réplica, a deputada do Deza sorprendeuse non atopar ningunha por parte do Partido Popular referida á enfermidade de Lyme, nos 15 anos que levan gobernando, “nin que tan só fose por “autobombo ou propaganda”, concluíu.