congreso

500 días, 500 iniciativas en defensa da Galiza

O BNG distinguiuse historicamente pola defensa coherente e insubornábel dos intereses da Galiza e do pobo traballador galego alí onde for, na intervención social ou na política institucional en todos os ámbitos onde ten presenza. Así foi no Congreso ao longo de 20 anos en que os deputados e deputadas do BNG exerceron con absoluta dignidade e eficacia a función de seren a voz dos intereses dos galegos e galegas.

De facto, o contraste co papel submiso das forzas políticas estatais no período de 4 anos en que o nacionalismo non tivo presenza no Congreso resultou esclarecedor e foi un dos elementos que provocou que moitos galegos e galegas voltasen a confiar no BNG nas eleccións de novembro de 2019, en que recuperamos a representación.

Nesa altura, comprometémonos e a ser a voz activa das clases populares galegas e da defensa da Galiza e estamos cumprindo, pois -con todo o mellorábel que sen dúbida pode ser o noso labor- con ese espírito de compromiso co noso País viñemos traballando neste tempo. Cando se fan 500 días desta lexislatura, podemos afirmar que non houbo cuestión que afectase a Galiza, o seu desenvolvemento, a mellora da calidade de vida e benestar dos galegos e galegas, que non fose abordado e -sendo competencia do Estado- trasladado ao Congreso.

Se callar, o máis coñecido da actuación do BNG é o Acordo de Investidura, que desbloqueou a Axenda Galega cunha serie de medidas absolutamente necesarias. A pesar de que é evidente o escaso interese do Goberno PSOE-Podemos en cumprilo en tempo e forma, tamén é verdade que marca un horizonte claro de actuacións e compromisos coa Galiza que permite á sociedade galega -como está a facer o BNG- reclamar a súa execución para se materializar en avances concretos.

Para alén dese acordo, nestes 500 días, foron practicamente medio millar -no concreto, 486- as iniciativas as desenvolvidas. Aí están as numerosas propostas orientadas á defensa da capacidade da Galiza a se desenvolver economicamente e a garantir emprego, benestar e futuro para todos os galegos e galegas. Iniciativas en relación coa crise industrial e a defensa da actividade económica e dos postos de traballo. Coa defensa do nosos sectores agrario, gandeiro, pesqueiro e marisqueiro. Coa exixencia dunha transición xusta. Coa reclamación da modernización das nosas infraestruturas de comunicación, en especial da nosa rede ferroviaria interna. Coa defensa da vida e da saúde neste contexto de pandemia. Coa preservación do medio e do noso territorio, a denuncia do espolio e a reclamación doutro modelo enerxético ao servizo do País...

Iniciativas tamén en defensa da Galiza como nación, da nosa lingua, de dereitos e transformacións democráticas e dun marco que supere as limitacións do Rexime de 78 monárquico e nos permita desenvolvernos como pobo soberano. Aliás, o deputado do BNG, Néstor Rego, realizou neste tempo máis de 300 intervencións parlamentares en que os intereses dos noso País estiveron sempre presentes.

Con este mesmo espírito de compromiso co pobo galego, o BNG continuará traballando no Congreso nos próximos tempos.

Se quixeres coñecer máis das iniciativas desenvolvidas, podes facelo nesta ligazón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG