A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o 8M fixo posible a “Galiza feminista que soñamos”.
No acto de presentación da candidatura do BNG ao concello de Santiago, cualificou o 8M de “acto de empoderamento das mulleres” pero temos que seguir avanzando nas rúas, na sociedade e tamén na política. Neste sentido, recalcou que é necesario seguir dando pasos adiante e o vindeiro 26 de Maio temos esa oportunidade facendo que Compostela teña “a primeira alcaldesa feminista e nacionalista, Goretti Sanmartín”.
Pontón asegurou que Goretti Sanmartín, é unha muller con experiencia, e unha grande capacidade de diálogo para cambiar as cousas dende o goberno. Demostrouno na Deputación, e o vai demostrar, despois do 26 de Maio, desenvolvendo o proxecto do BNG no concello.
“A rebeldía que as galegas expresamos este 8M”, dixo a portavoz do BNG, ten que estenderse para que Galiza cambie de rumbo.
“Son tempos de rebelarnos. De rebelarse contra unha monarquía antidemocrática e medieval, unha política económica centralista que fai que Madrid sega engordando, mentres Galiza perde peso e a xente nova ten que emigrar. Rebelarse contra a corrupción, contra unha xustiza que defende os poderosos con sentenzas como a da hipoteca da banca ou que ataca á dignidade das mulleres, con sentenzas como as da manada”, que dende o BNG rexeitamos enerxicamente. Pero tamén, engadiu a nacionalista, “son tempos de rebelarse contra os que queren que o galego sexa unha lingua de segunda”.
Pontón animou aos veciños e veciñas de Santiago a iniciar ese cambio de rumbo para converter a Goretti Sanmartín na primeira alcaldesa feminista e nacionalista.
GORETTI SANMARTÍN PRESENTA O PROXECTO DO BNG PARA COMPOSTELA
A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, presentouse decidida a pór en marcha “un novo proxecto de cidade, viva, dinámica, consciente das súas potencialidades, coa ambición de recuperar todo o peso político que nos corresponde como capital de Galiza”. Para iso implicou as 350 persoas asistentes ao acto na Sala Capital, un público nutrido de representantes de asociacións culturais, veciñais, feministas, sociais, empresariais e do ensino.
Así, comezou a súa intervención cunha lembranza ás mulleres pioneiras nas reivindicacións feministas que conseguiron a eclosión deste movemento nos últimos dous anos. Fixo mención ás necesidades da Cidade Histórica para que teña identidade, do rural e da Universidade para reivindicar unha cidade integradora e diversa, onde son precisas campañas de sensibilización “para eliminar calquera posíbel discriminación sobre os diferentes xeitos de amar e de vivir”. “Accesibilidade e mobilidade non poden ser dúas palabras sen contido real”, afirmou.
Deste xeito presentou o equipo “que mestura experiencia e mocidade” e está integrado por persoas do asociacionismo, veciñal, educativo, cultural e feminista. “Son persoas que coñecen e aman Santiago, que están dispostas a traballar, traballar e traballar por este concello”, destacou. Na lista van Navia Rivas, Lois Calvelo, Pili Lueiro, Xosé Quintáns, Esther Martínez, Quique González, Marga Ledo, Salva Martí, Lucía Carreira, Fins Eirexas, Isabelle Kerdudo, Suso Domínguez, Helena Maio, Xandre Garrido, Patricia Gamallo, Xan Bello, Tereixa Novo, Manuel Arca, Sira Vidal, Xan Ferrás, Sabela Mouriz, Xerardo Rodríguez Roca, Lourdes Sesto e Rubén Cela.
Goretti Sanmartín explicou que esta candidatura vai construír “un presente de xustiza, de igualdade, de liberdade, de dignidade e de felicidade”.
Pola súa parte, o escritor Suso de Toro afirmou que Goretti Sanmartín representa “unha nova xeración de políticas galegas, cunha lealdade irrenunciábel aos dereitos sociais e á nación galega, á nova cultura do feminismo e aos movementos sociais”. Mais tamén trae experiencia de ter servido xa a cidade desde o grupo municipal na oposición e de ocupar a Vicepresidencia da Deputación Provincial. “É unha candidata a ser alcaldesa que está no seu momento, a forza vital da súa xeración, a firmeza das súas conviccións unida á experiencia política”, destacou. “Porque Santiago merece unha alcaldesa, que é o mellor modo de representar este novo tempo da nosa sociedade”, destacou.
A parte musical estivo ao cargo de Alba María, que interpretou unha regueifa con contido político, e tamén houbo tempo para intervencións das primeiras persoas da candidatura. Navia Rivas, número 2 da listaxe, sinalou que o BNG traballará para conseguir “un Santiago con oportunidades de emprego para que a mocidade non teña que emigrar, cunha economía dinámica, que protexa as persoas que están nunha situación de vulnerabilidade, que promocione o comercio de proximidade e os produtos agrogandeiros locais”.
Lois Calvelo, histórico dirixente veciñal do Castiñeiriño, fixo referencia aos avances de participación cidadá introducidos nos gobernos do BNG no Concello, que foron destinados a dotar o asociacionismo de ferramentas “para lograr unha sociedade mais viva, xusta e democrática”. Ademais, comprometeuse a conseguir nos vindeiros anos “uns orzamentos á altura que merecemos e o BNG fará que o interlocutor prioritario sexa o tecido asociativo”.
Pilar Lueiro, profesora e veciña de Sar, destacou que os anos que o BNG gobernou centrou esforzos por mellorar o medio urbano e o rural. “Priorizamos a calidade ambiental, recuperamos o contorno dos ríos Sar e Sarela, puxemos en valor novos parques, hortas urbanas e zonas verdes; ademais de mellorar o abastecemento e o saneamento”, explicou. A preocupación e a defensa do hábitat seguirá a ser unha constante no BNG, afirmou.