O nacionalista preguntou ao presidente por qué renunciou a solicitar a modificación do sistema de financiamento autonómico para mellorar o financiamento de Galiza e Feijóo responde que é un modelo "inxusto, incorrecto e non financia o custe real dos servizos".
Na quenda de preguntas ao presidente, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera interpelou a Feijóo sobre a revisión do sistema de financiamento autonómico do que dixo, é unha anomalía que estea ausente da axenda política do goberno. Do sistema de financiamento autonómico dependen os servizos e competencias transferidas, do ensino, sanidade, servizos sociais que o seu goberno tanto se empeñou en recortar.
O actual sistema, recalcou Jorquera tiña que ser revisado antes de decembro de 2014 pero o Goberno Rajoy decidiu incumprir a lei e mentres outras comunidades puxeron o berro no ceo reclamado a súa revisión, o seu goberno limitouse a aceptar os ditados do Goberno español.
Feijoo recoñece que o actual sistema é inxusto para Galiza
O presidente respondeu a Jorquera que a reforma de financiamento das Comunidades autónomas é unha reforma que hai que afrontar e sempre estivemos en contra do actual modelo polo seu deseño e unha evolución incorrecta. Estou dacordo con vostede, dixo, é un modelo incorrecto, inxusto, non financia o custe real dos servizos e debe ser rectificado.
O BNG pide a revisión do modelo de financiamento autonómico
Jorquera lembrou que era voceiro do BNG no Congreso cando foi aprobada a revisión do modelo de financiamento autonómico e só os dous deputados galegos votaron en contra, os dous do BNG mentres o Partido popular achantou e Galiza dende a entrada en vigor do actual sistema leva perdido 8.464 millóns de euros, o equivalente aos recortes do seu goberno dende o ano 2009 por mor dun sistema de financiamento ruinoso para o noso país.
O BNG, explicou o nacionalista emprazou ao goberno galego a que presentara a súas propostas ante o Parlamento e establecer un dialogo entre os grupos para concretar unha posición de país, pero vostedes dixeron que non. O seu goberno nin opina, nin dialoga, nin concreta as súas propostas e nun debate crucial para o país, Galiza sigue ausente
Os concellos galegos á cola na participación dos ingresos do Estado
Sobre o financiamento local, explicou Jorquera, o actual sistema incide en que os veciños dos concellos galegos teñan peores servizos e que o gasto público por habitante sexa 817 euros fronte os 1.048 da media estatal. Este parlamento por iniciativa do BNG en abril do ano 2015, acordou instar á Xunta a revisar o modelo pero a Xunta incumpriu o acordo e os veciños e veciñas seguen padecendo esta discriminación.
Feijóo candidato do PPdeG á Xunta de Galiza
Vostede, dixo Jorquera, acaba de ser proclamado candidato enarborando a bandeira do galeguismo pero en materia de autogoberno, chegou vostede e mandou parar como di a canción de Carlos Puebla.
A escusa para non revisar o sistema de financiamento autonómico é que o Goberno de Rajoy está en funcións pero o que realmente leva sete anos en funcións en materia de autogoberno é o goberno que vostede preside. En materia de autogoberno cero competencias reclamadas e cero traspasos conseguidos. Nunca na historia da autonomía houbo un balance máis desastroso para o noso autogoberno, concluíu.