Resultado económico da campaña das eleccións Galegas 2016
A Executiva Nacional do BNG acordou trasladar a toda a militancia o informe económico correspondente á campaña das pasadas eleccións galegas do 25 de setembro de 2016. A continuación, esta información pasará a ser pública, pendurándose da páxina web oficial do BNG.
O gasto total realizado en campaña foi de 333.471,77 euros, dos que 65.789,27 se corresponden con gastos efectuados polas diferentes comarcas no seu ámbito.
Así, o gasto nacional de campaña foi de 267.782,50 euros.
Os ingresos para enfrontar os gastos efectuados, procederon de:
a) A cota extraordinaria conxunta (para eleccións xerais e galegas) entre militantes.
b) Doazóns de militantes e simpatizantes.
c) Fondos propios do BNG.
d) Anticipo electoral ao que tiña dereito o BNG en función dos resultados das anteriores eleccións galegas de 2012.
e) Foi preciso tamén, co fin de aboar os gastos derivados da confección e distribución do correo masivo (mailing) subscribir unha póliza de crédito específica por un valor de 100.000 euros. Este gasto do mailing será integramente cuberto cando sexa aboada a subvención electoral á que temos dereito en función dos resultados obtidos, que se recibirá unha vez o Consello de Contas fiscalice oficialmente a contabilidade electoral. Daquela, esta póliza de crédito non inflúe na contía da débeda que o BNG ten a medio e longo prazo, que seguirá a se reducir nos vindeiros anos.
A día de hoxe, están xa pagos e debidamente xustificados todos os gastos ocasionados. Foron os seguintes:
Gastos nacionais de campaña (21% IVE incluído)
Correo masivo (“mailing”): Impresión e distribución de sobres, papeletas e dípticos. |
113.084,55
|
Publicidade en medios de comunicación e redes sociais |
37.454,27
|
Gastos varios (bridas, intérpretes linguaxe de signos para actos nacionais, etc.) |
2.797,91
|
Publicidade exterior (bandeirolas, PVC's, faixas, valados) |
78.178,35
|
Imprenta (cartaces en diversos modelos, revista) |
18.709,30
|
Alugueiros (espazos para actos nacionais, furgonetas) |
6.730,04
|
Produción actos nacionais e mediáticos (montaxe, iluminación, son, etc.) |
46.175,37
|
Escenografías (lonas de fondo para actos nacionais, cubos, roll-ups, etc.) |
2.986,28
|
Deseño de todos os materiais de campaña |
15.116,00
|
Material audiovisual |
6.739,70
|
Gastos financieiros (formalización da póliza de crédito e xuros durante un ano) |
5.500,00
|
TOTAL |
333.471,77
|
GASTO NACIONAL |
267.682,50
|
GASTO COMARCAS |
65.789,27
|
Entre as actuacións que provocaron un aforro significativo nesta campaña, destacamos as seguintes:
- Suprimíronse os envíos por transporte e/ou mensaxería. Compañeiras e compañeiros de cada unha das comarcas desprazáronse a Compostela para recoller o material de campaña, trasladalo ás súas comarcas e logo distribuílo en cada localidade.
- Non se contratou a nivel nacional ningunha empresa para a colocación de material de propaganda en farolas (PVC's), pontes ou rúas (faixas).
- Aproveitouse material de propaganda xenérica procedente doutras campañas das diferentes comarcas, reutilizándoo.
- Non se pagaron dietas nin desprazamentos ás persoas que interviron en actos políticos, nin tampouco se contrataron persoas condutoras para ese cometido. Contouse para este labor exclusivamente coa colaboración militante.
- Non se contratou ningunha empresa para apoiar o traballo en redes sociais. O que se fixo neste ámbito cabe vinculalo en exclusiva á capacidade de iniciativa, creatividade e imaxinación das nosas compañeiras e compañeiros.
- Non se contrataron inserimentos publicitarios na imprensa escrita, agás no semanario “Sermos Galiza” e na revista “Luzes da Galiza”. Os gastos en materia de medios de comunicación teñen a ver con cuñas radiofónicas, bánners e publicidade en redes sociais.
- Compañeiras e compañeiros que colaboraron na composición e interpretación de audiovisuais e temas musicais fixérono gratuitamente e cederon os seus dereitos de autor/a ao BNG.
Aproveitamos para reiterar o agradecemento e recoñecemento da Executiva Nacional do BNG a toda a militancia e simpatizantes polo extraordinario traballo desenvolvido nesta campaña.