Resultado económico (ingresos e gastos) da campaña das eleccións Xerais 2015
O Consello Nacional do BNG acordou trasladar a toda a militancia do BNG o resultado económico (ingresos e gastos) das pasadas eleccións xerais, ás que concorremos dentro da coalición Nós-Candidatura Galega.
Queremos aclarar que a posta en marcha dunha campaña nestas condicións, renunciando a numerosos soportes publicitarios e de márketing, só foi posíbel grazas ao extraordinario traballo, ao meritorio esforzo e compromiso político da nosa militancia e da base social nacionalista.
Malia os resultados, consideramos que esta foi unha campaña moi digna, e posíbel -reiterámolo- grazas ao esforzo colectivo e á entrega militante. Todos os gastos ocasionados xa foron debidamente pagos e xustificados.
INGRESOS
|
IMPORTE
|
Doazóns militancia BNG | 7.350,00 |
Cota extraordinaria entre a militancia BNG | 130.000.00 |
Achegas web Nós-Candidatura Galega | 3.964,00 |
Fondos propios BNG | 58.677,06 |
Venda bonos Nós-Candidatura Galega | 1.480,00 |
Venda material Nós-Candidatura Galega | 500,00 |
TOTAL | 201.971,06 |
GASTOS (21% IVE incl.) | IMPORTE |
Impresión PVC's | 18.029,00 |
Impresión bandeirolas | 10.769,00 |
Impresión faixas | 8.213,48 |
Impresión faixas baratas | 1.415,70 |
Impresión Roll-up (fondos desenrolábeis) | 3.397,68 |
Impresión fondos actos nacionais e estrutura | 1.140,73 |
Impresión chapas Nós-Candidatura Galega | 125,00 |
Produción (montaxe, son, iluminación, etc.) 18 actos nacionais | 36.257,65 |
Gravación pezas actos/cuñas | 1.210,00 |
Estudo de gravación | 1.210,00 |
Gravación vídeo musical Nós | 1.456,00 |
Retención por gravación vídeo musical Nós | 117,00 |
Vídeos electorais | 6.198,47 |
Edición viñetas | 1.488,00 |
Retención edición viñetas | 112,00 |
Deseños | 5.700,00 |
Retención por deseños | 350,00 |
Logotipo | 1,14 |
Retención por logotipo | 0,07 |
Cuñas radiofónicas | 12.305,70 |
Anuncios en Sermos Galiza | 726,00 |
Anuncios en Praza Pública | 665,50 |
Anuncios en google | 205,10 |
Envíos por correo postal | 132,10 |
Adquisición de bridas | 2.379,46 |
Montaxe e impresión de valados(*) | 3.448,50 |
Restitución de valado danado (*) | 217,80 |
Impresión cartaces | 10.431,00 |
Impresión de sobres e papeletas | 48.298,38 |
Impresión de folletos | 18.768,96 |
Impresión autocolantes, bonos, cartón pluma, pés | 1.889,93 |
Retención por traballos de impresión | 4.861,71 |
Organización seguimento resultados noite electoral | 450,00 |
TOTAL
|
201.971,06 |
(*) Só no caso do concello de Vigo, por existir unha normativa municipal que prohibe outro tipo de soportes publicitarios.
Entre as actuacións que provocaron un aforro significativo nesta campaña, destacamos as seguintes:
* Non se asinou ningún crédito con ningunha entidade bancaria ou financeira.
* Non se enviou correo masivo (mailing). Esta decisión supuxo un aforro superior ao conxunto total de gastos orixinados nesta campaña.
* Non se contrataron inserimentos publicitarios na imprensa escrita, agás no semanario Sermos Galiza.
* Suprimíronse os envíos por transporte e/ou mensaxería. Compañeiras e compañeiros de cada unha das comarcas desprazáronse a Compostela para recoller o material de campaña, trasladalo ás súas comarcas e logo distribuílo en cada localidade.
* Non se contratou a nivel nacional ningunha empresa para a colocación de material de propaganda en farolas (PVC's), pontes ou rúas (faixas). Foron directamente militantes do BNG.
* Non se procedeu ao alugueiro de vehículos destinados a megafonía. Foron substituídos por vehículos particulares de militantes aos que se lles adheriron imáns co logotipo do BNG.
* Aproveitouse material de propaganda xenérica procedente doutras campañas das diferentes comarcas, reutilizándoo.
* Non se contratou ningunha empresa para apoiar o traballo en redes sociais. O que se fixo neste ámbito cabe vinculalo en exclusiva á capacidade de iniciativa e imaxinación das nosas compañeiras e compañeiros.
* Compañeiras e compañeiros que colaboraron na composición e interpretación do tema musical Porque este soño é necesario para un soño fixérono gratuitamente e cederon os seus dereitos de autor/a ao BNG.
* Os reforzos de persoal para traballo diario de cara aos medios de comunicación non supuxeron incremento de gasto: unicamente recolocación no caso das circunscricións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, e traballo non retribuído, durante toda a campaña, por parte dun compañeiro no caso da circunscrición de Ourense.
Aproveitamos para reiterar o agradecemento e recoñecemento do Consello Nacional do BNG a toda a militancia e simpatizantes polo extraordinario traballo desenvolvido nesta campaña.