A portavoz nacional do BNG persentou hoxe en Pontevedra a “Iniciativa Bóveda” para un novo modelo de financiamento que non discrimine a Galiza, e “nos dea soberanía fiscal”.
Coincidindo co Día da Galiza Mártir e a Homenaxe a Alexandre Bóveda, fusilado hai 85 anos, Pontón afirmou que o seu legado continúa vixente e demandou saldar a “débeda democrática" con Bóveda e a súa xeración. Neste sentido, volveu a pedir rehabilitar a figura de Alexandre Bóveda a través da “anulación do xuízo sumarísimo” que o condenou a morte e de todas as sentenzas, expedientes e sancións ditadas durante a Ditadura contra cidadáns e cidadás galegos por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas, de raza ou de identidade e diversidade sexual.
A portavoz nacionalista lembrou que pasaron 85 anos do asasinato de Bóveda, e cualificou de “vergoña democrática” que a súa figura non se teña rehabilitado, coa anulación da sentenza franquista que inxustamente o condenou a morte por defender Galiza. Cada día que pasa sen que se anule ese xuízo, recalcou a nacionalista, e un día perdido para facer xustiza e construír democracia sobre todo, nun momento como o actual, de auxe do neofranquismo. “A mellor vacina é coñecer a nosa historia e denunciar o franquismo para acabar coa impunidade dos seus crimes".
Iniciativa Bóveda por un novo modelo de financiamento para Galiza con soberanía fiscal.
Para a portavoz nacionalista, “Galiza non pode seguir desaparecida, nin secuestrada pola estratexia do PP en Madrid”. Están en xogo os recursos que teremos para financiar a reconstrución, pero tamén para financiar a educación e a sanidade públicas ou atención ás persoas maiores.
O actual modelo de financiamento, explicou, leva caducado desde 2014 e o Goberno do PP de Feixóo na Xunta non moveu un dedo para cambiar un modelo que prexudica a Galiza. “Un sistema de financiamento opaco, caduco e centralista que non ten en conta a nosa realidade”, remarcou.
O modelo asinado por Feixóo no ano 2009, “é un mal negocio para Galiza” porque aportamos cada ano máis ao estado do que recibimos. Na última liquidación tributaria dispoñíbel, de 2018, o estado recadou na Galiza 13.132 millóns de euros. A cambio, ese ano recibimos do estado 8.158 millóns de euros. É dicir “Galiza aportou 4.863 millóns de euros ao estado”.
Coa negociación de Feijóo, “Galiza perdeu máis de 9.000 millóns de euros nunha década” e isto é así porque a “chave dos nosos cartos están en Madrid, non en Galiza”.
Dende o BNG queremos lanzar a Iniciativa Bóveda para abrir un debate social e institucional sobre un novo modelo de financiamento que nos permita ter a chave dos cartos dos galegos e das galegas en Galiza e cun obxectivo moi claro, “construír unha Galiza próspera con máis recursos para contratar máis persoal sanitario, máis profesorado, mellorar a atención primaria, construír rede pública para atender ás persoas maiores, axudar aos sectores económicos máis afectados pola crise ou enfrontar o cambio climático.
Concerto económico galego
Reclamamos un concerto económico galego que nos permita usar a riqueza de Galiza para garantir o desenvolvemento económico, crear emprego e blindar os servizos públicos. Este concerto económico debe contar con capacidade fiscal sobre os impostos soportados por Galiza, crear unha Axencia Tributaria Galega e transferir aos concellos os recursos necesarios para as competencias e servizos que desenvolven, en base a un modelo de financiamento local propio
Pontón tamén apostou por establecer un “Cupo co Estado” como mecanismo de redistribución interterritorial vinculado á renda relativa, que serva de elemento verdadeiro para a redución das actuais diferenzas nos niveis de servizos e infraestruturas e que contribúa a unha verdadeira converxencia nos niveis de renda entre os diversos territorios do Estado.
Finalmente, a portavoz do BNG instou á Xunta a crear unha negociación a través dunha comisión no Parlamento galego sobre un novo modelo de financiamento autonómico e unha Comisión bilateral co estado.