Orzamentos da Xunta 2017

Votaremos en contra duns Orzamentos que perpetúan as políticas de austeridade e carecen de ambición de país

Cyqo3tyWQAAxTit
  • Noa Presas rexeita que se trate duns orzamentos expansivos, salvo na partida de débeda pública, “en toda caso, podemos falar dunha marmota expansiva”, ironiza

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, replicou ao conselleiro de Economía, Valeriano Martínez, que o proxecto de orzamentos para 2017 só é verdadeiramente expansivo en relación ao crecemento da partida destinada a pagar a débeda pública, pero medra menos que as contas deste exercicio e prevén un menor crecemento económico. En todo caso, “deberían falar da marmota expansiva”, dixo, en referencia a repetición de argumentario por parte da Xunta.

“O maior incremento dos orzamentos que presentan nesta cámara está no gasto da débeda, que se sube en máis de 224 millóns, un 14%, de modo que se destinan á débeda o 17% dos orzamentos, indicou Presas, “polo tanto, non nos vendan que son expansivos en gasto social cando só se dá de forma significativa nas partidas de débeda”.

Presas reprochou ao conselleiro o empeño da Xunta en instalarse no discurso triunfalista de superación da crise, “cando un de cada catro fogares  ten que sobrevivir con menos de mil euros ao mes”. “Se acabou a crise porque estes orzamentos consolidan os recortes en materia social? Porque consolidan a desigualdade e a precariedade da crise?”, interpelou.

Neste sentido, para rebater o “discurso propagandístico da expansión orzamentaria” en materia social, Presas puxo como exemplo a sanidade. “Gábanse de investir cen millóns máis pero esquecen dicir que máis da metade dese aumento equivale ao diñeiro que vai ao grupo empresarial que construíu o Hospital Álvaro Cunqueiro”.

Pese a anunciar un “gran esforzo” en sanidade e educación, ambas partidas medran un 2'8% e un 2'% respectivamente, un incremento similar á media o que desmente a suposta prioridade para a recuperación do gasto social. As dotacións en políticas sanitarias e educativas seguen por debaixo do 2009, indicou.

A deputada nacionalista avanzou o voto en contra dos orzamentos a través dunha emenda a totalidade e cualificou as contas públicas de “continuista coa política económica restritiva iniciada polo PP tras a chegada á Xunta”. “Son unha nova cortina de fume trala que se perpetúan as políticas austericidas, a falta de ambición de país e o repregamento do autogoberno, por iso o BNG non apoiou o teito de gasto nin apoiará estes orzamentos, por coherencia co noso país e co noso compromiso cos dereitos sociais dos galegos e galegas”, anuncio Presas.

Durante o debate parlamentario, a deputada tamén chamou a atención sobre a composición dos ingresos,  en particular o incremento derivado da emisión de débeda, que reflexa a insuficiencia do actual modelo de financiamento e a escasa capacidade para exercer a autonomía fiscal que sofre Galiza.

Emprego neto, cero

Igualmente, Presas deixou en evidencia a falacia publicitaria da “rebaixa xeneralizada de impostos cando apenas existen modificacións orzamentarias no proxecto de orzamentos”, ao tempo que criticou o “mantra recorrente imposto cero no rural”.

“Detrás da publicidade, un ano máis o Goberno perde a oportunidade de dotar de maior progresividade o IRPF e, ao baixar o mínimo exento, de introducir maior progresividade no imposto de patrimonio así como crear impostos propios como xa temos proposto desde o BNG”

Presa tamén foi moi crítica co anunciado descenso da taxa de paro ata o 15'6% prevista para 2017, porque da análise das contas públicas presentada conclúese que fían esa baixada a unha caída da poboación activa. “Non se crea emprego neto neste país”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG