Os concellos de Galiza son discriminados no reparto de fondos do Goberno central e cada veciño dun vila ou dunha cidade galega recibe 50 euros menos ca media estatal co actual sistema de reparto da Participación nos Ingresos do Estado (PIE).
O BNG vai levar tanto á Federación galega de municipios e provincias como a Cámara autonómica unha proposta para a modificación dos criterios cos que se distribúen estes fondos, que para o 2016 suman 11.341 millóns de euros. Desa cantidade, chega aos municipios do país o 5,05%, -583millóns de euros-, pese a representar o 6,24% da poboación total. En términos per cápita, cada concello recibe 209 por habitante fronte aos 259 de media estatal.
Imos traballar no ámbito da FEGAMP e do Parlamento para que se leve a cabo con carácter prioritario unha modificación do sistema de financiamento para superar unha discriminación flagrante que e afecta aos nosos concellos que teñen servizos públicos peor financiados ca media do Estado, anunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, na primeira reunión cos alcaldes, alcaldesas e responsables municipais do BNG.
Pontón fixo fincapé en que se trata dunha dobre discriminación: Recibimos menos recurso nun país onde custa máis prestar servizos dada a dispersión e o envellecemento da poboación, argumentou.
Santiago perde 5 millóns de euros
Cos datos do PIE correspondentes a 2016, a cidade de Santiago con 100.000 habitantes recibe 5 millóns de euros dos que lle correspondería se os recursos que Madrid aporta aos concellos galegos fosen cando menos igual á media estatal.
Pontevedra perde 4 millóns, un concello intermedio de 30.000 habitantes como Carballo deixa de percibir 1,5 millóns de euros e un pequeno municipio como San Sadurniño de 3.000 habitantes queda sen 150.000 euros.
Moitos miles de euros por veciño e veciña que perden os concellos galegos e que poderían destinar a financiar servizos sociais de proximidade nun momento en que as familias están tendo moitas dificultades económicas, indicou a tamén deputada.
Esta situación de discriminación agudízase no caso das grandes cidades, categoría na que se inclúe A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo por superar todas elas os 75.000 habitantes. A modo de exemplo, Málaga recibe o mesmo financiamento do Estado, 230 millóns de euros, que as seis grandes cidades galegas xuntas, -232,6 millóns de euros-, pese a que estas case a duplican en poboación.
Alianza grandes cidades
Neste sentido, o BNG considera que sería conveniente unha alianza entre as grandes cidades galegas para loitar contra o réxime de privilexio no reparto de financiamento que teñen as cidades do Estado que superan o medio millón de habitantes, salientou Pontón.
Esas urbes son Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Zaragoza, e Valencia, que co 18% da poboación acaparan o 33% dos 11.343 millóns de euros do PIE en 2016.
Dentro do marco da reforma do financiamento local, unha das cuestións a propoñer é que as cidades galegas, prexudicadas por un sistema que beneficia ás grandes cidades do Estado, se unan na defensa dun financiamento xusto e non discriminatorio por parte do Goberno central, subliñou Pontón.
Sentenza contra a Lei Montoro
A xuntanza municipal do BNG analizou tamén a sentenza do Tribunal Constitucional que tumba algún dos artigos da coñecida como Lei Montoro que poñía atrancos á prestación de servizos por parte dos concellos e vulneraba o marco compentencial.
Convertía en papel mollado o Pacto local galego e esta sentenza abre a porta para retomar o diálogo entre Xunta e concellos para decidir como debe ser o reparto competencial, explicou Pontón, tras asegurar que o BNG aposta por que servizos sanitarios e sociais que asumen os concellos pasen a ser prestados pola Administración autonómica.
É tamén unha sentenza que deixa espido ao señor Feijóo que non tivo capacidade que preferiu poñerse ao servizo da estratexia do PP que a defensa das competencias e do autogoberno do país, lamentou.
Ao encontro municipal, o primeiro coa nova executiva nacional que encabeza Ana Pontón, asistiron a práctica totalidade dos alcaldes e alcaldesas do BNG, responsables municipais en concello onde a formación nacionalista está co gobernando con outras forzas políticas, así como outros cargos con responsabilidade local tanto en municipios como nas deputacións.