A deputada criticou a falta de acceso a unha conexión de calidade, en grande parte do territorio galego, a pesar da propaganda da Xunta
Tras escoitar a intervención da directora da Axencia para a Modernización e Tecnoloxía de Galicia (AMTEGA), a deputada afirmou que na actualidade existen graves problemas para o acceso a unha conexión de calidade en todo o territorio galego e puxo como exemplo a súa propia experiencia, vivo a tres qm de Ourense e non podo conectarme a internet.
Para a deputada, outra das eivas radica na falta de dotación para acceder as novas tecnoloxías, tanto a persoas como a empresas. A parlamentaria asegurou que os datos da última enquisa reflicten que Galiza segue mantendo unha fenda dixital lonxe da media española en canto o uso de equipamentos, e denunciou que o seu domicilio está situado a 3 Q do centro de Ourense, teño os medios e a formación para acceder a internet pero non teño conexión na miña casa porque non chega a ter nin medio mega.
Tereixa Paz criticou que a titular do AMTEGA afirmara que no ano 2020 Galiza tería acceso a 30 megas destinado un millón de euros cando unha gran parte do territorio galego, na actualidade, experimenta grandes dificultades para poder conectarse.
Modernizar a Tecnoloxía na Xustiza e no ámbito educativo
Neste sentido, a deputada destacou a propaganda da Xunta relativa a que todas as salas de vista estarán dotadas con vídeo conferencia, un obxectivo que na súa opinión xa debería estar acadado.
Sobre o modernización das tecnoloxías no ámbito educativo amosou a súa preocupación polo programa Abalar móbil porque, segundo os nosos datos, dixo, esta incorporación ás novas tecnoloxías benefician aos centros privados xa que porcentualmente son moitos máis os colexios privados que contan con este programa.
Privatización da AMTEGA
A deputada tamén criticou a amortización dos postos de traballo públicos da AMTEGA cubertos posteriormente con asistencias técnicas que privatizan o persoal da Axencia.
Por outra parte, a parlamentaria relatou as adxudicacións da Axencia nos anos 2012-13 e 14 cun montante de 102 millóns de euros con licitacións, dixo, de negociados sen publicidade con contías de 343.000 euros, 580.000 euros,294.000 euros... e así sucesivamente.
A deputada concluíu agardando que os 96.400.000 millóns de euros cos que conta AMTEGA para o 2016 non sexan utilizados na privatización dun servizo público, de forma discrecional e sen contemplar os criterios de transparencia e libre concorrencia.