Tereixa Paz : “Os Orzamentos de Presidencia non teñen cambios"

Tereixa Paz

A parlamentaria reprobou a Feijóo por poñerse “ao lado do vitimario e non da vítima” en alusión á denuncia por “acoso sexual” presentada por unha muller contra o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar por ofrecerlle un posto de traballo a cambio de sexo

Tereixa Paz

 A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz, tras a comparecencia do Vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Administración e Xustiza, Alfonso Rueda, asegurou que os orzamentos para o 2016 “non conteñen cambios”, son “idénticos” aos do ano 2015, a pesar da propaganda do PP sobre a presunta recuperación económica de Galiza.

A parlamentaria centrou a súa intervención en dous aspectos para negar os “ficticios” cambios esgrimidos polo Vicepresidente, por unha banda, no ámbito da igualdade cun “orzamento tan expansivo” que só destina un incremento de 1,7 millóns de euros en total, 14,3 millóns de euros para todas as políticas de Igualdade do Partido popular. Unha partida, dixo, nunha semana na que foron asasinadas seis mulleres por violencia machista. Si as vítimas fosen homes, remarcou Tereixa Paz, “vostede hoxe non estaría aquí, estaría montando un gabinete de crise” para facer fronte a situación.

O BNG agarda un pronunciamento do PP sobre a acusación dunha muller contra o Presidente da Deputación de Ourense por “acoso sexual”

 Baltar acusado de sexo a cambio de traballo

Esta semana,explicou a nacionalista, asistimos, a un feito “lacerante” dunha muller que denuncia ter sido vítima dunha situación que a Lei Galega de Prevención da Violencia de xénero tipifica como “acoso sexual”. Ese señor, engadiu, segue sendo, tres días máis tarde de coñecerse publicamente a denuncia, Presidente da Deputación provincial de Ourense e militante do Partido popular e vostede é o Secretario xeral. Dende o BNG consideramos que as actitudes dos cargos políticos “non son neutras”. Eu non falo do dereito do Sr.Baltar a súa presunción de inocencia, estou falando da exemplaridade coa que enchen a boca, esa exemplaridade que hai demostrar non metendo a man na caixa pero tamén cos valores dunha sociedade democrática. A Lei galega de Igualdade debe cumprise “e hai un cargo público do seu partido incurso nunha denuncia por acoso sexual.A día de hoxe vostedes aínda non se pronunciaron”.

O BNG reproba a Feijóo por poñerse ao lado do vitimario

“Feijóo en vez de poñerse ao lado da vítima púxose de lado do presunto vitimario” nun día no que tiraron a unha muller dende un terceiro piso na cidade de Vigo. A deputada preguntou ao Vicepresidente se a Xunta vai seguir “amparando ao vitimario, ou cumprirá a Lei contra a Violencia de xénero”. Non falo de xustiza, dixo, falo de igualdade,dignidade e ética no desenvolvemento dos cargos públicos.

Máis orzamentos para violencia de xénero e menos para Igualdade

A parlamentaria recoñeceu que se incrementan os recursos en 180.000 euros para “o salario da liberdade” e un novo programa con 500 mil euros para a inserción laboral das vítimas así como 500 mil euros para autoemprego, pero non hai ningunha análise dos resultados destas políticas, nun país, dixo, no que os datos da última Enquisa de Poboación Activa reflicte que 121.500 mulleres en todo o Estado deixan de estar nas listas de desemprego, non por atopar traballo senón porque “desisten” das políticas de emprego do Goberno.

Por outra parte, dixo, non aludiu a lei de cotitularidade tendo en conta que hai máis de 30.000 mulleres labregas que aparecen como axuda familiar e “só 12 solicitan a cotitularidade agraria” pero vostedes deben pensar que as mulleres non queren ter seguridade social ou unha pensión non futuro. Ulo! o cambio, reiterou a nacionalista.

Ningún epígrafe nin programa diferente desde o ano 2009

Todos os indicadores de violencia de xénero son dramáticos cun grave reponte en idades novas e por riba vostede segue presumindo de orzamentos do cambio. Hai que falar de igualdade porque a violencia de xénero é “a máxima expresión da desigualdade” e nos orzamentos da Xunta a igualdade é “secundaria” porque o único que se aborda é atender ás vítimas de violencia no ámbito familiar e na trata pero ningún programa de políticas de igualdade, “vostedes delátanse”, con estes orzamentos.

Tereixa Paz en Comisión

A violencia contra as mulleres, explicou a deputada, está relacionada coas “relacións de supeditación e desigualdade” e se non somos capaces de avanzar no ámbito da igualdade non remataremos coa violencia e dende o BNG cremos que a “linguaxe e as palabras non son neutras” e por iso non é o mesmo dicir que “unha muller caeu espontaneamente dende un terceiro piso a que a tiraron”. Dende a súa consellería debería avanzar neste sentido, concluíu a parlamentaria do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG