A situación crítica da Atención Primaria e a crise industrial, temas clave para o BNG no primeiro pleno do ano

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Pontón preguntará a Feixóo que pensa facer ante o “colapso sanitario” pola falta de persoal e sobrecarga da sexta onda da pandemia  

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou os temas que serán debatidos no vindeiro pleno do Parlamento entre os que destacou, a situación na que se atopa a sanidade pública galega, especialmente a Atención Primaria con centros colapsados pola falta de persoal e sobrecarga da sexta onda da pandemia.

Neste sentido, indicou  que o  conselleiro de sanidade comparecerá na vindeira sesión plenaria, despois de 14 días e de  telo solicitado o BNG na Deputación Permanente, 14 días, dixo,  despois de que o Partido popular “vetase” esa comparecencia, e despois de 14 días de “colapso” en todos os centros de saúde.

Nesta liña, a portavoz nacional do BNG preguntará a Feixóo sobre esta situación de colapso na Atención primaria e polas medidas de reforzo para garantir o dereito dos galegos e galegas a saúde.

Dende o BNG, explicou, xa advertimos das consecuencias da política de recortes do Partido popular dende máis dunha década”, situación agravada dende hai dous anos pola COVID 19 ante a falta de recursos e persoal e  preguntou que fixo o Partido popular ademais de “seguir recortando” mesmo no orzamentos xa en vigor para o ano 2022 coa redución da partida orzamentaria da Atención primaria ou  parar a actividade ordinaria en 14 centros do sur de Galiza a pesar de que as persoas continúan enfermando “no só da COVID”.

Rodil criticou a medida de utilizar a persoal xubilado  e aplicar a   estratexia para que sexan as propias persoas  as que realicen o auto test na súa casa, o seguimento a ti mesmo e darse  de alta e de baixa na Seguridade social, “tamén dende a túa casa”. En opinión da deputada, estas medidas conducen a un maior deterioro da sanidade, xa tocada gravemente polos continuos recortes.

En segundo termo, o BNG interpelará ao conselleiro e vicepresidente segundo da Xunta sobre a crise industrial que “atravesa Galiza de Norte a Sur” dende hai anos e que afecta a todos os sectores industriais e comarcas galegas máis dinámicas demográfica e economicamente.

“Desde A Mariña co peche de Vestas e a parálise das cubas en Alcoa San Cibrao despois de que os gobernos español e galego deixasen SÓS, completamente SÓS e aos pés dos cabalos os traballadores”, o sector naval “en caída libre” despois dunha década de falsas promesas e moita máis propaganda; a automoción nun ERTE permanente e unha ristra de empresas que pecharon ou marcharon cos centros de produción para outros países como: POLIGAL ou SIEMENS GAMESA, son algúns dos exemplos da política industrial do goberno galego.

“Un país sen industria é un país sen futuro” subliñou Rodil e mentres a nosa industria esmorece  e a Xunta leva máis dunha década de brazos cruzados vendo como vai achicándose, facéndose cada vez máis pequena, “o PP  non  foi quen desde a  Xunta de impedir que pechase nin unha soa empresa nos últimos anos. Nin unha soa”.

Por outro lado, esta crise industrial estendese  a outros sectores produtivos fundamentais como  a agricultura e gandería, algo sobre o que tamén debateremos  neste pleno, a través dunha  Proposición non de lei do BNG sobre  crise no sector cárnico.

Mentres o PP está dedicado a facer seguidismo da estratexia,  que lle manda  o seu xefe de filas, o Sr. Casado desde Madrid, na eneísima polémica que debe ser a que toca este mes e non achega nada a Galiza, dende o  BNG estamos centradas en defender os intereses de Galiza e das gandeiras/os galegos que  piden e reclaman,  “poder vivir dignamente do seu traballo garantindo prezos xustos en orixe para algunhas das explotacións que producen algunhas das carnes de vacún máis importantes e de calidade do mundo como é o selo Tenreira galega”.

Esas persoas, recalcou, Rodil,  no só están a vender  por debaixo dos custes de produción e que case están pagando por traballar e isto é “inadmisible” en calquera país” que se prece, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG