A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha pregunta parlamentar na Cámara na que pide á Ministra de Fomento que remate cos abusos da concesionaria AUDASA na AP-9, especialmente co caos que se produce perante as cabinas de pago en tempadas estivais.
A deputada do BNG quer sabe que xestións está realizando o Ministerio perante a concesionaria para que non se repitan as situacións de atascos quilométricos para pagar as peaxes. Vai o Ministerio a sancionar a AUDASA por non ter levantado as barreiras no acontecido o pasado 13 de xullo? Non están máis que xustificadas as sancións xa que AUDASA non oferece un servizo á altura das súas elevadas peaxes? Non cre que cando se da un mal servizo os usuarios deben quedar exentos de pagalo?.
Ademáis, Rosana Pérez pregunta a Fomento se está a demandar á concesionaria a aplicación dun programa de descontos similar ao contemplado noutras autoestradas.
En relación ás peaxes, a deputada do BNG os cualifica de abusivos e considera que é hora de abordar o resgate da AP-9 e rematar coa súa explotación privada. Qué dispór ten a iniciar o proceso para que a AP-9 sexa gratuita e libre de peaxe?. Esta infraestrutura viaria foi suficientemente explotada e é hora de que a Administración estatal dea por rematada a súa explotación privada. Mentras tanto debería abordar os problemas máis imediatos como os atascos e o feito de que sexa a única autoestrada sen programa de descontos.
Fomento debe actuar ante AUDASA
Rosana Pérez demanda a Fomento medidas contundentes como a obriga de que AUDASA levante as barreiras das cabinas de pago cando se produzan situacións de atasco. Nas condicións doutras autoestradas figura a obriga de que a empresa levante as barreiras en caso de atascos de máis de dous quilómetros, condición que consideramos debería ser estendida tamén á autoestrada do Atlántico xa que o problema acontece con frecuencia.
Rosana Pérez afirma que os usuarios deben quedar exonerados das peaxes en circunstancias como as descritas. Non se debe esquecer que a AP-9 é de titularidade pública aínda que estea explotada por unha empresa privada, polo tanto, Fomento está no seu lexítimo dereito de impór sancións e requerir explicacións.
A deputada do BNG sinala que as reticencias da concesionaria a reducir o prezo das peaxes e a aplicar un programa de descontos nunha vía que vertebra todo o territorio galego, pode ter algunha relación coa constante perda de usuarios que rexista a AP-9. De feito, o tráfico medio diario caeu nos seis primeiros meses do ano en case 20.000 vehículos. Unha tendencia á baixa que se agravou desde o inicio da crise.
Pero censura a política comercial da concesionaria: é unha mala política comercial elevar os prezos das peaxes porque fai fuxir aínda máis aos usuarios. Se a intención de AUDASA é a de recuperar usuarios é evidente que vai por mal camiño, e o lóxico sería reducir os prezos. Máis, deixa claro que para o BNG a meta é converte a AP-9 nunha vía gratuita.