A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu esta mañá á tribuna para defender o paquete de emendas do BNG ao capítulo de Fomento nos Orzamentos Xerais do Estado para 2015.
Rosana Pérez destacou á Ministra de Fomento os incumprimentos que se producen con Galiza en canto á execución das partidas do Ministerio que preside. En 2014 publicitou vostede até a saciedade os 571,3 millóns de dotación para o AVE Olmedo-Lubián-Ourense e co proxecto de 2015 coñecemos a verdade: gastaron só 353,4 millóns. Igual sucedeu en 2013, deixaron de executar entre un 30 e un 40% cada ano.
Entre o que vostede nos dí e escrebe nos papeis e o que en realidade fai hai un abismo. Máis que orzamentos, vostede preséntanos enganos, trampas.
UPyD pide a eliminación das partidas para o AVE a Galiza
No que atinxe ao AVE, Rosana Pérez defendeu a finalización das obras sen rebaixar as características e os prazos previstos. Censurou a UPyD por presentar emendas que piden a eliminación das partidas destinadas ao AVE a Galiza.
Máis alá do AVE, a parlamentar nacionalista reivindicou un paquete de emendas do BNG para correxir os défices nos tramos ferroviarios interiores. A modernización ferroviaria de Galiza e a oferta de bos tempos de viaxe seguen ausente nas contas do Ministerio. Asemade, criticou o xogo que se trate o Ministerio co tema das cercanías: os mesmos 52.000 euros de sempre para estudos.
Criticou as cativas partidas destinas ás conexións ferroviarias cos portos de Ferrol e A Coruña, e nin mencionan a conexión co porto de Vigo. Por iso, propomos, enfatizou, unha cifra de 4 millóns como base para tomar en serio a importanza destas conexións. Subliñou o esquecimento de Ferroterra, excluida e discriminada na conexión do Eixo Atlántico e sen melloras para a actual conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña.
Infraestruturas viarias
Rosana Pérez salientou o mal estado da N-550, e para arranxar esta vía que é a única que podería funcionar como alternativa á AP-9 o BNG plantexa 15 millóns de euros.
A deputada do BNG recriminou á Ana Pastor o retraso que sofre a execución da A-54, con máis de dez anos de retraso e que non será un feito antes de 2020. O BNG pide 6 millóns máis para o tramo Melide-Palas de Rei.
Tamén mencionou o mal estado da N-634 ao seu paso por A Mariña, é a vía alternativa á A-8, que permanece pechada gran parte de ano, por iso o BNG demanda melloras nesa vía.
Nada para a supresión dos pasos a nivel
Reprochou ao Ministerio que non exista partida para a supresión dos pasos a nivel na Galiza, para o que o BNG propón 2 millóns de euros. Temos que lembrarlle que no noso país aínda hai perto de 180 pasos a nivel e que entre 2008 e 2013 os sinistros provocaron 39 mortes.
Finalmente, a deputada do BNG tivo que chamar a atención á Fomento pola falla de respecto á toponimia oficial de Galiza e pediu que se corrixa definitivamente a sinalización con formas toponímicas deturpadas.