A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil formulou hoxe unha pregunta ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García sobre as medidas previstas para cumprir coa normativa vixente en materia lingüística. Rodil reclamou volver a “un consenso lingüístico ” e implementar medidas concretas para a normalización do galego entre a mocidade e menores de 14 anos. O ensino, dixo, debe ser un “axente galeguizador” e non “o contrario” como acontece na actualidade.
Trala resposta do secretario xeral anunciando a presentación do Plan de Dinamización do galego na mocidade a diversas asociación xuvenís, a deputada preguntou a que asociacións se refería e que medidas contemplaba o devandito plan que Rodil cualificou de “eterno anuncio”.
A nacionalista lamentou que o secretario Xeral non responderá a ningunha das preguntas formuladas cinguíndose na súa intervención a “presumir” da boa saúde da lingua galega. Rodil negou que o galego gane persoas falantes e alertou da perda de galegofalantes fundamentalmente, dixo, entre a mocidade como demostran “os sucesivos informes da Real Academia Galega, Consello da Cultura e Instituto galego de Estatística”.
Por outra parte, fixo fincapé na advertencia da propia Real Academia Galega sobre os efectos do Decreto 79/2010 con negativas consecuencias para o ensino e lembrou que o obxectivo das galescolas, postas en marcha durante o goberno bipartito, tiñan como obxectivo que “a mocidade nas etapas máis temperás, tivera contacto coa lingua galega”.
Rodil asegurou que hai moitas crianzas que non teñen ese contacto porque non llo transmiten na casa, nin na escola. Por outro lado, os medios de comunicación, produtos de consumo ou o audiovisual “tampouco teñen acceso ao galego”.
A pesar da obriga de fixar un terzo do horario semanal en galego nestas etapas, recalcou a deputada do BNG, isto “non se cumpre”, o 50% das materias impartidas en galego en primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional, “tampouco se cumpre”. A maiores, engadiu que apenas existen produtos de dobraxe, cinema, DVDs, vídeos, debuxos animados en lingua galega cun acceso só do 4% polo que volveu preguntar que medidas recollidas o borrador que será presentado o vindeiro 17 de abril.
A deputada recalcou que o galego parte “ en termos históricos” dunha mellor situación que o éuscaro ou o catalán pero ao contrario que estas dúas linguas, “o galego mantén unha tendencia de perda de falantes”. En Euskadi e Catalunya, as linguas contan “con prestixio social” e seguen incrementando falantes a través de políticas lingüísticas no ensino.
Queremos saber cales son as medidas, a que asociacións xuvenís se vai a dirixir a Secretaría de Política Lingüística e con que orzamento conta o Plan de Dinamización do galego, reiterou.
A deputada lamentou que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García eludira responder, con concreción, as cuestións formuladas polo BNG.