Parlamento Galego

O PP vota en contra da proposta do BNG para resarcir economicamente ás mariscadores e mariscadores da falta de actividade durante as obras da drenaxe da ria do Burgo

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas critica a falta de interese da consellería do Mar polo  futuro de 49 mariscadoras e mariscadores a pé, 29 a flote e da  propia Confraría e lamenta o voto desfavorable do PP para compensar ao colectivo

A deputada do BNG, Mercedes Queixas instou hoxe  á consellería de Mar a convocar de maneira “urxente” unha reunión coa Confraría de Pescadores da Coruña para tratar as compensacións económicas ante a suspensión da actividade extractiva por mor das obras da futura dragaxe da ría do Burgo. A nacionalista propuxo destinar unha partida dos orzamentos galegos  en previsión da licitación das obras no ano 21 e as consecuencias  sobre o colectivo de mariscadoras e mariscadores.

A proposta do BNG foi rexeitada polo Partido popular argumentando que as obras non están licitadas e son responsabilidade do goberno central ao que a deputada do BNG respondeu que “PP e PSOE están en débeda coa ría do Burgo e a comarca da Coruña” dende hai moitos anos.

A parlamentaria  explicou que o BOE do 22 de setembro publicou o anuncio da Dirección Xeral da Costa e o Mar, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), sobre a aprobación definitiva do proxecto “Dragado ambiental de los sedimentos de la ría do Burgo”.

Pola súa parte, a Confraría de Pescadores da Coruña presentou recurso co fin de asegurar -previo acordo das administracións implicadas no proxecto e da propia Confraría- as compensacións económicas para as e os afectados e tamén para a entidade durante o tempo que duren as obras e ata o inicio da práctica do marisqueo con normalidade. O recurso foi desestimado pola Consellaría do Mar alegando que a consellería “non  é nin titular nin executora do proxecto de dragaxe” e asegurando que as posíbeis compensacións económicas corresponden á administración do Estado. Sen embargo, a propia consellería, lembrou, a nacionalista, “estableceu convenios coa Confraría da Coruña para a realización do plan de recuperación da ría do Burgo, mediante os que comprometía determinadas cantidades económicas durante 2009-2011 para as e os afectados”.

O 04 de novembro, o MITECO anuncia o inicio da contratación das obras de dragaxe ambiental da ría do Burgo pero a día de hoxe seguen sen estar garantidas as medidas económicas compensatorias que percibirían as mariscadoras e mariscadores e a Confraría durante o período que duren, (entre 21 e 26 meses).

Tal e como indicara no seu día a Mesa da Ría do Burgo -constituída pola Confraría de Pescadores da Coruña, a Plataforma en defensa da ría do Burgo, a Universidade da Coruña e os Concellos de Cambre, Culleredo, A Coruña e Oleiros-,  “as compensacións económicas para o sector marisqueiro son necesarias xa que a paralización da actividade mentres se executa a dragaxe ocasionará  graves perdas económicas e mesmo pon en risco a posibilidade de retomala unha vez remate a actuación”, afirmou Queixas.

En opinión da deputada nacionalista, resulta “incomprensíbel” que aínda non estea resolto este extremo cando o comezo das obras parece xa moi próximo e  existen mecanismos legais suficientes para facelo.  E aínda é máis sorprendente que a Consellaría do Mar se desentenda do problema sen máis, sen acudir a dialogar coa Confraría e sen interesarse polo futuro dos 49 mariscadoras e mariscadores a pé, dos 29 a flote e da propia Confraría.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG