parlamento galego

PP e PSOE votan en contra da proposta do BNG para mellorar a calidade da auga das rías galegas

Luís Bará
Luís Bará
Ambas as dúas formacións tamén votan en contra de reclamar as transferencias da xestión dos ríos, o mar e a costa

O portavoz parlamentario de Infraestrutura e Medio Ambiente, Luís Bará propuxo  chegar “a un gran pacto” pola sustentabilidade, a calidade das augas, a produtividade e o futuro das nosas rías.

No debate da moción nacionalista, o parlamentario instou ao goberno galego a “reclamar as transferencias” para xestionar dende Galiza, os ríos, as rías o mar e a costa. Neste sentido, afirmou que as políticas dos últimos 30 anos centradas na construción de infraestruturas resultaron “un fracaso” e urxe revisar a concepción e  xestión da auga cambiando as prioridades.

Neste sentido, apelou a aprender dos erros, corrixir as actuacións equivocadas e ineficientes porque non todo son “tubaxes, PVC e cemento”. Resulta imprescindible apostar pola investigación e innovación e mudar  a relación co medio, sobre todo cos ecosistemas ultrasensibles como os ríos, os humedais e as xunqueiras. Temos, dixo que poñer freo aos recheos na ría de Vigo en Bouzas, devolver os terreos de dominio público ao público, ENCE fora da Ría de Pontevedra  e deixar de entender o mar e as rías como vertedoiros de plásticos, residuos e materiais contaminantes como os da Foxa de Sálvora.

Para o deputado, ordenar o noso sector pesqueiro, a investigación oceanográfica, os Portos de interese xeral, as Titulacións profesionais náutico-pesqueiras, a ordenación do litoral, as Cuncas hidrográficas e a Meteoroloxía deben ser xestionadas dende Galiza e “non dende un despacho de Madrid”.         

Bará defendeu rachar coas “inercias centralistas, a  submisión do goberno galego  a Madrid” porque a consecuencia, dixo,  “son dez anos de seca e un goberno que se comporta como unha deputación”. O goberno galego debe asumir a súa responsabilidade e deixar de funcionar como “unha xestoría ou terminal dos poderes políticos e económicos. Asuman dunha vez que son o goberno galego, non unha xestoría, ou  unha terminal dos poderes políticos e económicos madrileños.

Enfoque integral para outro medio ambiente e outro mar

Bará reiterou que Galiza precisa dunha  “grande alianza polo mar, a costa e as rías” acompañada de coñecemento, investigación e o apoio das administracións, apoio que estendeu a todas as dimensións entre as que destacou a ecolóxica, social e produtiva. “Primeiro coñecemento e despois  investimentos”, recalcou.

Nesta liña,  propuxo elaborar un “Plan Integral de Rexeneración e aproveitamento dos recursos naturais, produtivos e sociais das rías galegas” así como a protección e mellora das marismas, humedais e concas fluviais”.A Xunta, explico Bará, presume de ter investido 1.110 millóns de euros dende o ano 2009 e ao tempo recoñece as deficiencias polo que dende o BNG, instamos ao goberno a mellorar as redes e as EDAR realizando un estudo preciso da súa  idoneidade  para corrixir as eivas.

Finalmente, o nacionalista tamén apostou por un informe sobre as actuacións realizadas no Plan Hidrolóxico Galiza Costa así como as pendentes e abrir un proceso de consultas e participación para o novo Plan 2022.

Todas as propostas do BNG para mellorar a calidade das augas, a produtividade e o futuro da rías galegas foron rexeitadas polo PP e PSOE.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG