Congreso

PP e PSOE votan en contra da intervención pública de Alcoa aínda que fracase a venda

Néstor Rego
Néstor Rego

O BNG presentou no Congreso unha moción para que, no caso de non se concretar para a venda da empresa, o goberno optase pola intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio, de forma que se garanta a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

Aprobada a proposta do BNG para avanzar na transición ecolóxica se faga con xustiza social e se prevexan investimentos na comarca das Pontes e o concello de Cerceda.

Os deputados e deputadas galegas do Partido Popular e do Partido Socialista votaron este xoves en contra da moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego para dar solución á crise industrial da Galiza, concretamente, no primeiro punto no que se aposta, no caso de fracasar a negociación para a venda da empresa, pola intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de forma que se garanta a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

O BNG advirte que de non se lograr un acordo para a venda de Alcoa, a falta dunha alternativa como a intervención pública, provocará o peche da factoría o que suporá unha catástrofe económica e social para toda a comarca. “Non entendemos como o Goberno español non aposta pola nacionalización da factoría, que xa no seu día foi pública e que nunca debeu ser privatizada, asegurando así, os postos de traballo e o futuro económico do principal motor económico na Mariña” salientou o deputado Néstor Rego.

Durante a súa intervención, Rego volveu lembrar que “nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa”, e que polo tanto, esta solución só precisa da vontade política das Administracións públicas, solución que permitiría preservar o emprego e salvar unha comarca enteira.

O BNG conseguiu que o pleno do Congreso aprobase a proposta para garantir que a transición ecolóxica se faga con xustiza social prevendo investimentos e estabelecendo plans de substitución económica para a comarca das Pontes e o concello de Cerceda. Trátase de sentar as bases para concertar unha Transición Xusta que realmente supoñan a reactivación económica e a creación de postos de traballo que permitan recuperar o dinamismo destes dous concellos, posibilitando un futuro para os seus habitantes que non os aboque ao paro ou á emigración.

Rego destacou que “é imprescindíbel a posta en marcha de Plans de Transición Xusta para as centrais térmicas na Galiza”, así como a urxente articulación de compensacións e proxectos que palíen as consecuencias negativas no ámbito económico e social.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG