A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de coñecer oficialmente que PP e PSOE vetan a súa asistencia “como público” na Comisión de Investigación sobre o Alvia, que se está desenvolvendo no Congreso, o vindeiro mércores 14 de novembro. “Trátase dun veto inadmisible”, critica a eurodeputada nacionalista, quen en 2017 presentou en Europa unha denuncia contra o Estado Español por procedemento de infracción polo incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria europea.
Precisamente Ana Miranda cursou unha solicitude formal ao presidente da Comisión de Investigación do Alvia, Feliu Guillaumes, para asistir “como público” o vindeiro 14 de novembro ás 16 horas, cando está prevista a comparecencia do xefe da Unidade de Seguridade Ferroviaria da Axencia Ferroviaria Europea, Chistopher Carr.
“Este veto é unha vergonza sen precedentes”, subliña a eurodeputada, quen considera que o veto á súa asistencia como público é “unha mordaza”, en tanto que si pode asistir calquera cidadán ou calquera xornalista. Defende ademais que a súa asistencia como público debería formar parte dun “procedemento normal nun Estado normal”.
Precisamente as reunións da eurodeputada coa Axencia Ferroviaria Europea, coa que mantivo tres encontros, e as dúas reunións que tivo coa Comisaria de Transporte e Mobilidade da Unión Europea, Violeta Bulc, amosan a existencia dunha forte relación interinstitucional que xustificarían plenamente a súa asistencia á Comisión de Investigación como público, tal e como solicitou, por ser parte denunciante en Europa.
Neste sentido, Miranda cualifica de “impresentable” que a alianza PP-PSOE vete, precisamente, a asistencia da eurodeputada que propuxo a comparecencia do xefe da Unidade de Seguridade Ferroviaria da Axencia Ferroviaria Europea, Chistopher Carr, á Comisión de Investigación.
“Pilar Cancela por parte do PSOE e Celso Delgado polo PP están tapándose as miserias para impedir que Europa siga removendo este asunto”, salienta Ana Miranda, quen considera que é Europa a única que pode ofrecer verdade e xustiza ás vítimas do accidente do Alvia.
Sucesión de vetos
Para Ana Miranda, “lamentablemente”, este non é o único veto da Comisión de Investigación, xa que impediu que se proxectara o documental Frankenstein, que si se proxectou no Parlamento Europeo. Ademais, a Comisión tamén impide unha nova comparecencia das vítimas, posibilidade que levan reclamando en reiteradas ocasións, “algo normal nunha Comisión de Investigación”, apunta a eurodeputada do Bloque.
Ao respecto Miranda lembra que as vítimas do Alvia xa estiveron en Bruxelas tres veces e foron recibidas polas altas instancias europeas. “Curiosamente en Europa non hai vetos deste tipo mentres si se producen no Congreso”, sinala.
Informe da ERA
O primeiro informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) de xullo de 2013, que cuestionaba a investigación feita pola CIAF, xa afirmaba que non se comprobara a avaliación previa de riscos, o estado da vía e do tren”. “Non podemos esquecer que foi grazas a ese informe europeo que tres días despois a Audiencia Provincial da Coruña reabrira o caso citando a responsables técnicos de ADIF e RENFE”.
Tras a denuncia presentada en xullo de 2017 e que está pendente de resposta pola Comisión Europea, a Comisión comprometeuse coa denunciante a preparar un novo informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) para avaliar a transposición da normativa no momento presente. Para abrir un procedemento de infracción, a Comisión Europea ten que avaliar a situación actual xa que se non se cumpre agora, non se cumpriu no pasado. “Isto implicaría denunciar o Estado de oficio polo executivo comunitario”, explica.