O PP en contra de esixir o MITECO a reitrada do Plan Xeral de Explotación Marisqueira galega

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez afirma que “é unha clara inxerencia do MITECO nas competencias exclusivas de Galiza nesta materia, o que terá graves consecuencias para o sector"

A portavoz de pesca e marisqueo do BNG, Rosana Pérez defendeu unha proposición non de lei para  solicitar do goberno do Estado, “a retirada inmediata” do recurso interposto polo Ministerio de Transición Ecolóxica contra o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o trienio 2021-2023 e reactivar a Comisión de Transferencias para iniciar o traspaso de competencias sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre, a ordenación do sector pesqueiro e de investigación oceanográfica.

Na súa intervención, Rosana Pérez indicou que o Estatuto de Autonomía de Galiza establece as competencias exclusivas sobre “a pesca nas rías e augas interiores, o marisqueo, a acuicultura, a caza, a pesca fluvial e lacustre”. Ademais, amparado por esas competencias, o Parlamento galego aprobou no 2008 a lei de Pesca de Galiza con medidas dirixidas á conservación, xestión e explotación responsábel, racional e sustentábel dos recursos mariños, nomeadamente os plans de xestión, definidos como normas reguladoras da actividade pesqueira e marisqueira.

30 anos de explotación marisqueira a través de plans anuais

Os plans de xestión marisqueira, explicou a deputada, comezaron a desenvolverse no 1993  coa participación das confrarías e agrupacións do sector. Entre outros aspectos, recollen o regulamento e  os traballos para a mellora da extracción e produción, topes de captura por mariscador/a  por día, especies que se van extraer, métodos de extracción, puntos de control e formas de comercialización. “Hai case 30 anos que a explotación dos recursos marisqueiros de Galiza vénse organizando a través de plans de explotación anuais, agás neste momento no que a Orde da Consellería do Mar no mes de decembro de 2020, aprobounos para o trienio 2021-23”. Estas, dixo, son as regras que rexen para a explotación dos recursos marisqueiros  cunha actividade que ocupa directamente a “máis de 8.000 persoas en Galiza”, e que vén de ser recorrida polo Ministerio de Transición Ecolóxica co argumento de que necesita, para ser aprobada, un informe preceptivo da propia Administración estatal.

Para a parlamentaria do BNG, a decisión do Miteco resulta  “unha interpretación errada da Lei 22/1988 de Costas”, no relativo a contar con  informes no caso de que se declaren zonas de interese para cultivos mariños, concesións e autorizacións.

O Ministerio de Transición Ecolóxica , a xuízo da deputada, “ vai en contra dos intereses de todo un país pesqueiro” e  supón unha clara falla de respecto ao marco competencial vixente polo resulta urxente que Galiza blinde  as  súas competencias”.

 

Rosana Pérez lamentou que, unha vez máis, o PP votara en contra dunha iniciativa en defensa do sector marisqueiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG